Por X.M. Fernández | Allariz | 05/10/2018 | Actualizada ás 21:30
Dende a Área de Promoción Económica, Turismo e Comercio arrincaron hai oito anos cunha iniciativa de cría e comercialización de boi para poñer en valor o monte e a contorna rural. Cristina Álvarez, técnica neste departamento, cóntanos máis cousas.
Cando naceu e en que consiste o proxecto municipal de cría e comercialización de boi?
Hai 8 anos decidimos incorporar a cría de bois ao proxecto municipal de revalorización do sector primario, proxecto que pretende fixar actividades económicas nas parroquias rurais do Concello a través da introdución de gandería en réxime extensivo.
Como valorades estes anos de vida do proxecto?
A experiencia é máis que positiva. Temos neste momento máis de 50 bois de raza Limiá, e estamos a celebrar as VII Xornadas de Carne de Boi de Allariz cun impresionante éxito de público. Pero como dixemos hai 8 anos, este é un proxecto a longo prazo.
Está sendo positiva a implicación dos gandeiros? Creáronse novas explotacións?
Agora mesmo xa temos os bois distribuídos en catro explotacións. Un avance con respecto ao inicio. Esperamos incorporar unha nova explotación para o vindeiro mes e seguir sumando superficies de pasto e novos actores a este proxecto.
A venda de gandeiros a hostaleiros é directa ou o concello opera de intermediario dalgún xeito?
A venda é directa, pero é o Concello o que coordina cos gandeiros e coa hostalería a distribución do boi cada anualidade.
Cantos bois se sacrifican para as xornadas de carne de boi de Allariz?
Son 6 os bois sacrificados dunha media de 480-500 quilos canal, polo tanto case 3000 quilos de carne de boi de Allariz que se degusta nas xornadas.
Nestas sete edicións, nótase que vai medrando o interese pola carne de boi? E a participación de xente de fóra de Allariz?
Non hai dúbida, o interese e o coñecemento foron medrando. Ano tras ano crece o número de persoas que se achegan ata Allariz para participar nas Xornadas Gastronómicas, pero tamén aumenta o número de veciños e veciñas que se achegan aos diferentes locais para degustar as preparacións de cada ano.
Como está sendo a implicación dos hostaleiros?
Son 25 locais os que participan con menús e tapas. Máis de 85 preparacións diferentes e 20 tapas a concurso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.