A faciana do morto é a do mártir galeguista Alexandre Bóveda. Mais o relato suxire uns rapaces atopando o corpo do seu mestre asasinado. Un relato que non constituía licenza artística ningunha, pois que era común nos primeiros meses da represión deixar guindados nas beiravías das estradas os cadáveres, como medio para impór o terror na poboación galega. Ademáis, foron moitos os mestres asasinados- e moitos máis os represaliados- polo labor de anovamento pedagóxico e concienciación cidadá que estaban a facer nas novas xeracións galegas. Un labor que estaba a pór os alicerces dunha nova Galicia no social, no económico e no cultural que foi abortada pola represión da longa noite de pedra franquista.
Velaí que este cadro signifique a denuncia pública e universal dos asasinatos da represión franquista en Galicia, o que descualifica de vez a interpretación que del fixo Núñez Feijóo canda a súa desembalaxe para expor na Cidade da Cultura. O PP naceu como refundación dunha AP fundada por sete antigos ministros do franquismo e nunca condenou formalmente ao réxime de facto que oprimiu o Estado español tantos anos.
Porén, o presidente rectificou o venres 5, no discurso de apertura da exposición, cando condenou específicamente o crime de Bóveda e denunciou o “totalitarismo dos seus verdugos”. Unha rectificación que disinte por unha soa vez coa nova liña do PP de Casado, ben abeirada á herdanza franquista. Mais o mérito desta rectificación perténcelle á reacción unánime da sociedade civil e das forzas políticas da oposición, que amosaron de vez que Galicia segue a ser sitio distinto.
Remato cunha boa nova. O artista galego Kiko da Silva está a dar cabo estes días á súa reinterpretación, dende o seu avanzado nível técnico e artístico, do debuxo de Castelao de 1937. Unha obra que vai ofrecer nos vindeiros días á sociedade galega e á memoria dos nosos mártires. Kiko da Silva, ademáis dun creador xenial que conecta coa mellor sensibilidade do noso pobo, é un dos bós e xenerosos.