Temas: FRASEOLOXíA

“Bater o zoco” ou “darlles sebo ás canelas”, dúas das moitas paremias galegas equivalentes á castelá “tomar las de Villadiego”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 14/10/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Cando unha persoa marcha apurada ou precipitadamente dun sitio, nomeadamente para evitar algunha situación comprometida ou non desexada, é probable que non sexa a primeira vez que teñamos escoitado iso de que “tomou as de Villadiego”, calcando literalmente a expresión castelá “coger # tomar las de Villadiego” (poboación esta, á que fai referencia a dita expresión, situada na provincia de Burgos e totalmente allea ó imaxinario colectivo e cultural galego).

Confección de zocos
Confección de zocos | Fonte: Wikipedia

Mais no noso idioma temos expresións –e abofé que inda vos son unha chea delas– que fornecen ese mesmo significado. Vexámolas.

Coger # Tomar las de Villadiego

{= Marchar apurada ou precipitadamente dun sitio, nomeadamente para evitar algunha situación comprometida ou non desexada.}

Bater o zoco

Tocar o zoco # a zoca

Darlle ó zoco # á zanca

Zocar os calcañares

Darlles sebo ás canelas # ós pés

Chamarlles ós pés compadres # compañeiros # señores

Sacar o formigo dos pés

Irse # Liscar # Cispar de esgueiras

Tocar de esgueiras

Ex.: Los ladrones, en cuanto escucharon la sirena de la policía, tomaron las de Villadiego.

Os ladróns, axiña que escoitaron a sirena da policía, bateron o zoco tocaron o zoco tocaron a zoca déronlle ó zoco déronlle á zanca zocaron os calcañares déronlles sebo ás canelas déronlles sebo ós pés chamáronlles ós pés compadres chamáronlles ós pés compañeiros chamáronlles ós pés señores sacaron o formigo dos pés liscaron de esgueiras tocaron de esgueiras.

● Tamén:

Apelar ós pés && Darlles ós calcañares && Correr borrasca && Correr bolina && Tocar a cacha && Facer # Coller a ida do corvo && Liscar # Cispar # Escapar # Marchar... sen pedir pan para o camiño && Liscar # Cispar # Escapar # Marchar... sen deixar pan para o camiño && Liscar # Cispar # Escapar # Marchar... deixando terra para nabos && Liscar # Cispar # Escapar # Marchar... sen se descoidar nas voltas

● Tamén, nesta mesma liña:

Tomar el pendil # el pendingue # el tole # el trote

Tomar # Coller # Tocar o pendín && Coller # Tomar o andante && Emprender o citrote

● E inda incluso, en contextos:

Echar a correr && Apretar a correr

Pegar a correr && Botar a correr && Apertar a correr

Tamén, adatpándoa ó contexto, e como fórmula expresiva exenta de verbo usada en contextos moi familiares ou populares:

    ¡Pés de puta!

Ex.: Vista la situación, en cuanto pude tomé las de Villadiego.

     Vista a situación, en canto puiden, ¡pés de puta!

NOTAS:

1. Cómpre facer notar que moitas destas expresións poden compartir espazos de uso coas equivalentes á castelá marchar # escapar # huir... como alma que lleva el diablo, que abordaremos no vindeiro artigo.

Igualmente, hai contextos en que tamén poderían confluír coas paremias que se reflectirán cando toquemos a secuencia expresiva tirar millas.

2. Dado que nas expresións reflectidas aparece algunhas voces non recolleitas, cando menos polo de agora, no Dicionario da Real Academia Galega, imos ofrecer unha sucinta información acerca delas:

■ A voz citrote, rexistrada para o caso que aquí nos interesa por Aníbal Otero, é sinónima de galope ou galopada.

■ A locución preposicional de esgueiras atópase recollida varias veces tanto no Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega coma no Tesouro Informatizado da Lingua Galega.

Á falla de máis información, non saberiamos dicir certo se garda relación –inda que supomos que si– coa normativa de esguello. En todo caso, o verbo esgueirar (este, sen dúbida, directamente relacionado) si que aparece tanto nas dúas fontes que acabamos de citar coma en portugués (por exemplo, e entre outros, no Dicionario Caldas Aulete digital).

■ A voz pendín só se rexistra (ó menos, só a vimos rexistrada) formando parte da locución que se indica neste artigo, xa nalgún caso no século XIX.

3. A paremia facer # coller a ida do corvo é utilizada, no seu emprego máis recto, para facer referencia a alguén que marcha e xa non volve. Ex.:

Dixo que ía comprar tabaco e que nos viamos no seguinte pub, pero creo que fixo a ida do corvo.

4. Velaquí un pequeno repaso a léxico que se cadra resulta descoñecido ou dubidoso para algúns lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Zoco (DRAG): substantivo masculino 1. Calzado rústico coa sola de madeira e a empeña de coiro, que se amalloa e cobre o nocello. Os zocos ben engraxados non deixan pasar a auga. Sinóns.: chanca, chanco, galocha, galocho, zamanco, zoca. 2. Calzado de sola grosa, de madeira ou doutro material, aberto pola parte do calcañar. De verán e inverno anda sempre de zocos.

Zoca (DRAG): substantivo feminino 1. Calzado rústico dunha soa peza, enteiramente de madeira, que leva tacos ou chatolas para evitar a humidade e se calza sobre os pés protexidos por carpíns, zapatillas, etc. Puxo as zocas para ir apañar uns grelos. Sinóns.: galocha, galocho, madroña, zamanco. 2. Calzado rústico coa sola de madeira e a empeña de coiro, que se amalloa e cobre o nocello. Seu avó botáballes sebo ás zocas para conservalas. Sinóns.: chanca, chanco, galocha, galocho, zamanco, zoco.

Calcañar (DRAG): substantivo masculino 1. Parte inferior do talón. Pisar co calcañar. 2. Por extensión Parte do zapato ou do calcetín correspondente a esa parte do pé. Os calcetíns están rompendo polo calcañar. 3. Parte dalgúns apeiros ou ferramentas na que se introduce o mango. O calcañar da gadaña. ▲ Sinóns. para todas as acepcións: calcañeira, calcaño.

Formigo (DRAG): substantivo masculino 1. Doenza que vai desfacendo os pezuños ou os cascos do gando pola parte inferior. Tradicionalmente o formigo cúrase arrincando un terrón e introducindo o pé do animal no oco. 2. Inflamación con pus producida na pel dun dedo, polo xeral nos bordos da uña. O cativo non para de chorar porque ten un formigo nun dedo. Sinón.: colledizo. 3. Sensación de proído ou de cóxegas que se sente nos pés ou nas mans ao estirar as pernas ou os brazos despois de telos moito tempo dobrados ou apertados impedindo a normal circulación do sangue. Teño o formigo na man porque estiven lendo apoiado no brazo. [NESTA ACEPCIÓN CORRESPÓNDESE CO CASTELÁN HORMIGUEO.] 4. Primeiro leite que dá a vaca despois de parir. OBSERVACIÓNS: Tamén se utiliza en plural: En moitos lugares utilizan o formigo para facer filloas. Sinóns.: costro, leite tenreiro. 5. Filloa feita co primeiro leite que dan as vacas despois de parir. Os formigos con mel son moi saborosos. // substantivo masculino plural 2. Comida preparada con pan esmigallado, ovo e azucre, ou con pan esmigallado, trigo ou millo esmagados, e cocido todo con auga ou leite. Preparou uns formigos para almorzar. [A ACEPCIÓN CORRESPONDENTE Á PAREMIA RECOLLEITA NO PRESENTE ARTIGO É A TERCEIRA]

Cispar (DRAG): verbo intransitivo Marchar moi á présa dun lugar. Sinóns.: largar, liscar.

Andante (DRAG): adx. 1. Que anda. Cabaleiro andante. // substantivo masculino 2. Aparello de madeira formado por un eixe vertical e un pau perpendicular a el usado na cociña para pendurar a gramalleira e no muíño para levantar as pedras, coa axuda dun fuso. En todas as aceas hai un andante. Sinóns.: angarela, asnelo, burro, guindastre.

5. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición). Publicado en 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García Represas, Delio: Estudio na fala de Xinzo, Ponteareas. Contribución á lingüística descriptiva do galego. Tese de licenciatura, 1996. Universidade de Santiago de Compostela.

- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.

- Ibáñez Fernández, José: Diccionario galego da rima e galego-castelán. Publicado en 1950. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Instituto da Lingua Galega (ILG): Tesouro informatizado da lingua galega.

- Irmandades da Fala: Vocabulario Castellano-Gallego de las Irmandades da Fala. Imprenta Moret-Galera, 48, A Coruña 1933.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Otero Álvarez, Aníbal: Material lexicográfico elaborado entre 1949 e 1977. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953.

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 O Lois

Tamén é moi usado o verbo "canear". P. ex.: "Hai que canear" como equivalente de "Hai que bater o zoco". Non sei se será correcto nin a orixe, pero na Costa da Morte é moi usado.

1 Xosé Antonio Pena

Ok. Tomamos nota. Graciñas.