Por Galicia Confidencial | Ourense | 16/10/2018 | Actualizada ás 14:27
“Arboricidio” na OU-536, estrada da Xunta de Galicia, ao seu paso polos concellos do Pereiro de Aguiar e Esgos. É a denuncia que fai Amigos da Terra que acusa ao Goberno galego de cortando polo pé árbores cenenarias que “non supoñen ningún risco para a seguridade”.
A estrada OU-536 está xestionada pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Esta estrada comunica a capitalidade provincial coa Ribeira Sacra e coas Terras de Trives-Caldelas, unha das máis bonitas da provincia polo seu trazado e polas formacións arbóreas que se atopan no seu percorrido.
Integrantes de Amigos da Terra acudiu ao lugar avisados por veciño e usuarios da OU-536 que indicaban que tanto na Derrasa (Pereiro de Aguiar) como no Pinto (Esgos) estaban cortando árbores de alto valor patrimonial, paisaxístico e etnográfico. Unha vez alí comprobaron como se cortara un plátano de sombra con máis de 30 metros de altura, 126 centímetros de diámetro e uns 80 anos de idade en moi bo estado de saúde e situado detrás da valla de protección da estrada.
Ata o 15 de outubro, a Xunta cortara xa 20 choupos e 4 plátanos de sombra, “todos eles exemplares únicos, de grandes dimensións e bo porte”. Tamén se observan danos nas árbores lindeiras ás cortadas e estragos en paredes de pedra.
ÀRBORES CENTENARIAS
A entidade ecoloxista lembra que tanto no Pereiro de Aguiar como en Esgos hai árbores centenarias de grandes dimensións (carballos, plátanos, freixos, nogueiras, choupos...) que non supoñen ningún risco para a seguridade vial e que “forma un harmonioso conxunto de alto valor patrimonial, estético e paisaxístico”. Neste sentido, Amigos da Terra lembra que a estrada é a entrada á Ribeira Sacra e ao Macizo Central Ourensá.
“Solicitamos e esiximos a protección do conxunto das árbores existentes ao longo da OU-536. Que no caso de ser preciso algunha poda das árbores se faga seguindo os criterios axeitados sinalados polos especialistas en mantemento da arborado”, apunta a entidade nun comunicado.
Ademais, anunciaron o envío de escritos á Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e aos Concellos de Pereiro de Aguiar, Esgos e aos concellos que integran a Ribeira Sacra porque “non poden promover a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO sen xustificación estragar e destruír o patrimonio arbóreo que a integra”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.