Por Galicia Confidencial | A Coruña | 18/10/2018 | Actualizada ás 16:00
Baía Edicións fará entrega este venres na Coruña do I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade, dotado con 5.000 €, a Antía Yáñez e Sabela Losada Cortizas, arroupada pola da madriña do premio, a escritora e académica Fina Casalderrey, e membros do xurado.
“Trátase do primeiro premio destas características que se convoca en Galicia, xurdido a raíz das carencias precibidas dalgunhas temáticas nos contos infantís, temáticas que poden axudar á construción dun imaxinario en igualdade entre mulleres e homes xa desde a infancia, necesario para un mundo máis xusto”, apuntan desde a editorial.
Nesta primeira edición, o Xurado valorou a necesidade de entregalo ex aequo a dúas obras, por ser merecedoras del en igualdade de condicións e por atender a ámbitos moi distintos e complementarios. Abertas as plicas das obras, cos títulos A reconquista e Vermella!, resultaron ser das escritoras Antía Yáñez Rodríguez e Sabela Losada Cortizas.
As obras publicáronse recentemente na colección de álbums ilustrados a cor Contoxconto de Baía Edicións e o premio repartirase a partes iguais entre as dúas escritoras merecedoras do galardón.
O Xurado premiou «A reconquista, de Antía Yáñez, por un “acaído tratamento da ocupación do espazo central, o liderado feminino e a solidariedade no marco físico do patio do colexio ocupado polo fútbol en detrimento doutros deportes e xogos”.
De «Vermella!, obra de Sabela Losada Cortizas, destacou que “saque á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.