Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/10/2018 | Actualizada ás 20:50
Feiraco, a grande industria láctea galega, acaba de facer 50 anos. E, para celebralo, organizou este luns un evento conmemorativo no que fixo un percorrido por este medio século de vida liderando o sector do leite en Galicia desde o cooperativismo.
Nacía en 1968 da man de 400 gandeiros da comarca coruñesa de Barcala, encabezados polo xurista e intelectual agrarista, Jesús García Calvo. E desde entón, Feiraco acolleu a 10.000 familias. Hoxe son 3.500 socios/as que suman forzas, ilusión e traballo con Os Irmandiños e Melisanto.
E por iso o seu presidente quixo sacar peito desta longa experiencia no sector. “Feiraco é o exemplo de transición modélica dunha cooperativa social a unha empresa cooperativa competitiva e eficiente dentro dunha Economía Social solidaria", lembrou José Montes. Feiraco, actualmente integrada en CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas), representa o maior proxecto agrogandeiro galego e un dos principais de España.
O acto deste luns, que estivo precedido por unha Ofrenda ao Apóstolo, reuniu a máis de 300 persoas entre socios, clientes e colaboradores de diferentes ámbitos, ademais dunha destacada representación institucional, co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o secretario xeral de Agricultura, Fernando Miranda; o conselleiro do Medio Rural; José González; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López.
RECOÑECEMENTOS
Durante o evento fíxose entrega de recoñecementos a diferentes institucións e persoas que contribuíron ao desenvolvemento de Feiraco desde as súas diferentes áreas de influencia. No que respecta a institucións outorgáronse medallas ao Concello de Negreira, destacando entre os seus méritos acoller as primeiras reunións e asemblea constituínte, a primeira sede, e dispensar á cooperativa e ao seu presidente fundador todo o seu apoio e recoñecemento público. Tamén ao Concello de Ames pola súa colaboración continuada con Feiraco, desde a implantación do complexo fabril en Ponte Maceira, para o bo fin das súas actividades.
Tamén foron recoñecidas a Cooperativa Tapia, pola súa pertenza desde a fundación e a entrega continuada de leite durante cincuenta anos, a Universidade de Santiago de Compostela, que a través dos seus organismos, o Consello Social, o Idega, o premio García Calvo, a Aula Láctea, o Feuga, e outros grupos de investigación, foi colaboradora esencial no desenvolvemento estratéxico de Feiraco e á Cooperativa Agroalimentarias de España, polo seu papel primordial no desenvolvemento do cooperativismo agrario en España.
OS GRANDES PROTAGONISTAS DE FEIRACO
No que respecta ás persoas galardoadas, recoñeceuse a Celsa Pena Fajín, socia fundadora, pola súa fidelidade coa cooperativa á que leva entregando o leite da súa explotación láctea desde a súa fundación; a Maximino Viaño, como socio fundador, primeiro secretario e membro do primeiro Consello Reitor da cooperativa, impulsor dos sectores lácteo e cárnico de Galicia; a Julio Barbazán, socio fundador e membro do primeiro Consello Reitor e a Jesús Capeáns Carballo, vicepresidente do Consello Reitor e firme apoio do fundador Jesús García Calvo durante a súa permanencia de máis de tres décadas no Consello.
Tamén foi recoñecido Manuel Mariño, como primeiro traballador da cooperativa, pola súa lealdade e dedicación continuada; a José Luís Antuña Álvarez, durante doce anos director xeneral de Feiraco, artífice do seu plan de viabilidade, do plan estratéxico da cooperativa, da creación de Acolat e da integración en CLUN, e a José Montes Pérez, impulsor de Feiraco desde a súa fundación en 1968 e actual presidente, fío condutor entre o pasado e o presente.
Feiraco tamén concedeu a súa medalla conmemorativa a Darío Villanueva, quen non puido acudir ao acto de entrega, polo seu impulso estratéxico á relación Feiraco‐Universidade de Santiago de Compostela na súa etapa como reitor desta institución. No transcurso do acto de aniversario, proxectouse o audiovisual “Feiraco, 50 anos liderando o lácteo galego”, que permitiu resumir en clave histórica os fitos máis destacados da historia da cooperativa.
INNOVACIÓN NOS ANOS 70
A historia de Feiraco remóntase a finais dos 60, coas primeiras reunións lideradas por Jesús García Calvo. Os primeiros pasos a pé de campo levaron á inauguración da fábrica de pensos en Ponte Maceira, en 1970, toda unha innovación industrial que encaraba o futuro. Ademais, a moderna industrialización da época é visible co inicio do envasado de longa vida UHT e a inauguración da nova planta en Ponte Maceira. Os primeiros briks de Feiraco empezaron a chegar ás casas dos consumidores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.