Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2018 | Actualizada ás 14:00
O acontecido na localidade do Morrazo sucede nun momento en que as “terapias alternativas” están no ollo de mira, tanto de autoridades como de cidadanía e expertos en medicina. A posta en circulación de produtos que maioritariamente van para uso de limpeza, etiquetándoos como medicinais responde ao afán de lucro aproveitando o tirón da medicina homeopática e outras disciplinas semellantes. Con todo, parece que se aínda existe unha boa fe por parte das persoas que venden remedios fóra do que sería o sistema sanitario, tamén parece existir o mercado de oportunistas para sacar rendemento da dor allea.
A sucesión de efectos fisiolóxicos que aparecen durante a enfermidade vén acompañada duns “temores psicolóxicos como o medo, sufrimento e incerteza, por iso hai xente que movidos pola ansiedade ou o desexo de ver resultados inmediatos ou tamén as persoas poden verse defraudadas polos resultados pobres da medicina, recorren a outras opcións” di Pablo Vaamonde, médico e quen ten colaborado nalgunhas publicacións sobre a homeopatía. “É unha reacción humana e moi compresible” sinala Vaamonde.
No caso de Cangas, a mestura de clorito de sodio con ácido clorhídrico a reacción de Vaamonde é dicir “iso é a lixivia”. Xa antes de mercar a substancia e vendo só o nome dos compoñentes “debería haber desconfianza nas persoas interesadas en mercar o produto”. Estes produtos, na maioría dos casos, son comercializados nunha disolución que non provoque dano. “Aínda así poderían ter o seu risco e sobre todo, recomendo moita prudencia diante destas pseudoterapias por seren fraudulentas”.
O rechamante deste asunto foi que a Unión Europea deu unha caste de “permiso” para a libre disposición de produtos homeopáticos. En maio deste ano o goberno aínda presidido por Rajoy, regulaba os medicamentos homeopáticos poñéndoos ao mesmo nivel que os medicamentos convencionais. Preguntado sobre se o comportamento da UE a respecto da homeopatía e a súa industria resulta ético, Vaamonde é firme “non o é, hai abondas evidencias científicas que desautorizan as teorías base das prácticas homeopáticas” e por tanto pide “que as autoridades políticas e sanitarias fagan caso do que di a ciencia, mesmo a dispensación destes produtos tiñan que ter un control”. A anterior ministra de Sanidade, Carmen Montón, tiña claro que a homeopatía non era o camiño. Con todo, a posibilidade de cabildeo ou “lobbing” está aí, porque a industria homeopática é moi forte en países como Francia ou Alemania.
Sobre a busca da unión entre “medicina tradicional” e a homeopatía, o que se aclara é que a sociedade antes da instauración de sistemas sanitarios, non tiñan outras vías que asistir a curandeiros ou compoñedores. No caso dos primeiros para a ciencia o efecto placebo era o único resultado positivo, mentres que os compoñedores eran persoas habilidosas capaces de solucionar un esquince ou unha rotura de óso.
Outro punto que chama a atención é a renuncia a aplicar o método científico por parte dalgúns profesionais da medicina. “Coñezo casos que é así, aplican terapias de herboristería, son favorables á homeopatía ou fan terapias con acupuntura” di Vaamonde, “é así, pero só nunha minoría, a medicina é unha actividade que recolle coñecementos e logo os aplica como axuda grazas ao coñecemento empírico”.
O CASO DA ACUPUNTURA
A partir das polémicas que saíron logo de casos como o dos falsos medicamentos e a morte de algunhas persoas logo de seguiren métodos homeopáticos, as alertas saltaron e inmediamente se puxo no ollo de mira todo aquilo que, supostamente, non tiña relación coa medicina convencional. Así unha das prácticas que tamén foron sinaladas como pseudociencia ou pseudoterapia foi a acupuntura.
Esta técnica de orixe chinés, ten un máster propio na Universidade de Santiago de Compostela. A reacción foi a de pedir a retirada do mestrado, que conta con máis de vinte anos detrás. Non obstante, Ana Díaz, do Centro de Posgrao da USC, di que “o máster está dirixido a profesionais sanitarios e que o imparten médicos, cando se creou foi como especialización, non para o abandono de tratamentos médicos e vista como terapia complementaria”. O máster ademais, está coordinado coa Unidade da Dor do Hospital Clínico de Santiago.
“A acupuntura é un método terapéutico baseado na estimulación de puntos na pel” di Fernando Salgado, especialista en acupuntura e unha das persoas que imparten aulas no máster de Acupuntura. “Hai unhas canles ou merdianos de acupuntura, que a medicina moderna sabe que coinciden con vías de comunicación nerviosa”. Salgado incide en que esta técnica foi avaliada en numerosas análises e mesmo conta con informes da Organización Mundial da Saúde (OMS) que si lle recoñece efectos paliativos.
Con todo, e aínda que a acupuntura se está usando de maneira moi puntual en unidades da dor nalgúns hospitais, son varias as voces que reclaman un maior coidado no momento de aplicar este tratamento para paliar a dor, e outras voces non lle dan crédito ningún,
A conclusión é que a homeopatía é unha industria que acabou por poder implantarse con máis ou menos éxito dependendo do país. Os mercados francés e alemán, segundo os estudos, os máis grandes da Unión Europea e por tanto, os que máis beneficios xeran, permiten crear unha nova industria que puido influir na decisión da UE de permitir a venda de homeopáticos como medicamentos. Estariamos entón, diante dunha nova forma de lobbing ou cabildeo duns produtos dos que non se ten aínda abonda información sobre as súas propiedades medicinais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.