Temas: PSDEG PONTEVEDRA

O candidato do PSOE quere unha Pontevedra que pense "máis nas persoas que nas beirarrúas"

O portavoz municipal dos socialistas presenta a súa precandidatura para o proceso de primarias que este partido celebrará para elixir o seu candidato á Alcaldía da cidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2018 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O actual portavoz municipal do PSOE en Pontevedra, Agustín Fernández, presentou este mércores a súa precandidatura para o proceso de primarias que os socialistas celebrarán para elixir o seu candidato á Alcaldía da cidade. A falta dun día para que finalice o prazo para que outros aspirantes poidan postularse, Agustín Fernández deu o paso ao considerar que a cidade "necesita un goberno sólido, responsable e que pense máis nas persoas que nas beirarrúas".

Agustín Fernández
Agustín Fernández | Fonte: PSdeG.

Na súa intervención, Fernández sinalou que non lle constan posibles rivais e asegurou que non tivo "contacto con ninguén" que lle trasladase tal intención. Pola contra, destacou que foron os militantes, integrantes da executiva e compañeiros do propio grupo municipal socialista os que lle animaron "a dar este paso".

Para Agustín Fernández, o grupo municipal que encabeza está a realizar "un bo traballo" que é "necesario consolidar". "As cousas están a facerse razoablemente ben", aínda que "hai que mellorar e escoitar os cidadáns", engadiu.

Aínda que lle parece "cedo" para avanzar a composición da súa posible candidatura e non sería até a primavera de 2019 cando se configuraría a lista electoral socialista, Fernández apostou por manter "certa coherencia interna e permanencia" dentro do grupo municipal que traslade á cidadanía a "consolidación do traballo" realizado.

Por tanto, o socialista sinalou que "a lóxica é que non haxa excesivos cambios", a expensas de abordar este asunto coa secretaría xeral e o grupo municipal actual, de modo que "se configure unha lista que agrade a todos e, sobre todo, aos cidadáns", sinalou.

PP E BNG

Nunha intervención na que destacou a "discrepancia absoluta" que mantén co seu homólogo do PP local, Agustín Fernández asegurou que a cidade do Lérez necesita "unha pasada pola esquerda" e destacou que o PSOE aspira a "gañar e a gobernar" após as municipais.

Así mesmo, referiuse á acción goberno municipal do Bloque Nacionalista Galego encabezado por Miguel Anxo Fernández Lores para criticar que "nos últimos tres anos" a súa xestión foi "bastante mellorable".

Agustín Fernández destacou o "serio desgaste do BNG", que "non estivo a render á altura doutros mandatos". Precisamente, sobre o rexedor municipal, considerou que cumpriu unha "etapa moi importante e que hai que "agradecerlle o seu labor". Por iso, instouno a "non eternizarse no cargo". "Fan falta caras novas e un revulsivo para ver un impulso novo", apuntou.

A pesar de eludir "predicións a longo prazo" ao cualificar de "moi volátil" o próximo 2019 desde o punto de vista político, o portavoz municipal do PSOE en Pontevedra indicou que as "sensacións e datos" que reflicten as executivas do seu partido apuntan unha "tendencia á mellora" dos últimos resultados electorais.

Temas: PSDEG PONTEVEDRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 QuePanoramix

É certo, abonda xa de dar a matraca coas beirarrúas polas que só transitan os xabaríns. Grande o señor do psoe, traballando por outra maioría de Lores. PD: señor Souto, laméntolle ben a dúa desilusión, próxima a de saber que os Reises son os pais, pero con motas mais liñas e tempos compostos mesturandos con -nh, o q da que pensar nunha forma pouco traballada de trolaxe.

1 Souto

Imos ver se non entendemos. Co BNG estou moi desilusionado. Porque aínda que tenhas pouco poder aférraste a el e fas case o que faga falta para non perdelo. De feito creo que non son o único que pensa así. Son un subscritor do novo xornal en papel que queren sacar. Moi ao meu pesar voume quitar. Porque non é un xornal galeguista. Vai ser un xornal do BNG. Unha vez dito isto, imos ver, se o PP houbese feito a cuarta parte do que ten feito o BNG en Pontevedra tería asegurada a maioría absoluta en cantas eleccións municipais se convocasen. Pero como é o BNG e meirande parte dos pontevedreses son como os demais galegos, é dicer, fondamente provincianos, cheos de prexuizós e moi desagradecidos cos que os queren, pois pasa o que pasa. E ti formas parte desa comparsa. Nin máis nin menos.