Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/10/2018 | Actualizada ás 21:01
A comezos de outubro chegaba aos quioscos galegos a nova guía turística do Eixo Atlántico. Unha guía que este ano exploraba o patrimonio natural de Galicia e do norte de Portugal. Unha rica biodiversidade que abrangue dous Parques Nacionais, seis Reservas da Biosfera, 10 Parques Naturais, e máis dun centenar de lugares protexidos para preservar a súa paisaxe, a súa fauna ou a súa flora.
Aproveitando este feito, GC lanzou un concurso nas súas redes sociais para difundir e poñer en valor o patrimonio natural da Eurorrexión. E, finalmente, xa hai unha gañadora, Marina Pérez Toro, historiadora da arte lucense que vive en Santiago e que disfrutará dunha fin de semana nun destes espazos naturais, concretamente en Casa Romualdo, en Taboada.
Este xoves tivo lugar a entrega simbólica do premio á gañadora nun acto que se celebrou na Facultade de Ciencias da Información da USC e ao que asistiu o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; o responsable de Turismo e Cultura da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal Baamonde; o vicedecano da facultade, Carlos Toural e o director do GC, Xurxo Salgado, ademais da propia premiada.
Non é a primeira vez que o GC organiza concurso semellantes. En 2016 o lector Manuel Seijo resultou gañador do concurso sobre a historia da Gallaecia, tamén organizado por Galicia Confidencial coa colaboración do Eixo Atlántico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.