Lara Méndez ve "factible" mellorar resultados en Lugo

Considera "complicado" obter maiorías absolutas no actual contexto de "diversidade" política e confía en que os procesos xudiciais non lle restarán apoio tras ser pechadas numerosas causas contra ela e contra o ex rexedor López Orozco.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2018 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

A actual alcaldesa de Lugo e candidata socialista a revalidar no cargo, Lara Méndez, ve "posible e factible" mellorar os seus resultados nas próximas eleccións municipais de 2019 e, aínda que considera "complicado" obter maiorías absolutas no actual contexto de "diversidade" política, confía en que os cidadáns non penalicen á formación polos distintos procesos xudiciais abertos na cidade.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, no balcón do pazo do concello
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, no balcón do pazo do concello | Fonte: Óscar Dacosta

Tras participar no almorzo informativo do 'Fórum Europa. Tribuna Galicia', celebrado en Santiago de Compostela, Lara Méndez, mostrouse convencida de que os procesos xudiciais contra os cargos socialistas en Lugo non interferirán en resultado electoral, aínda que lamentou a lentitude xudicial.

"A cidadanía de Lugo xa cumpriu a maioría nestes procesos, evidentemente, levamos moitos anos vendo como se alargan os procesos 'sine die', eu manifestei que aquilo que se alarga no tempo, aínda que se faga xustiza non é xusto nin é bo, porque ao final debilita o terceiro alicerce do estado democrático, que é o poder xudicial", afirmou.

Aínda que estaba previsto que o acto fora presentado polo exalcalde de Lugo Xosé Clemente Orozco, Lara Méndez explicou que a súa ausencia se debía a cuestións xudiciais e que ela mesma estivo "a piques de non asistir" ao almorzo informativo, pero que finalmente a súa citación xudicial suspendeuse debido a que o avogado non podía asistir.

En todo caso, enxalzou o traballo de Orozco por ser o iniciador do "modelo de cidade" que o actual goberno local continúa impulsando e encomiou a súa "xenerosidade" e "altura de miras", por dar un paso atrás para "que a alcaldía de Lugo non recaese no PP". Con todo, dito isto, e mantendo que é "un activo no partido", rexeitou concretar se formará parte da lista para as eleccións municipais. "Non é o que toca, porque máis que de persoas gústanos falar de proxectos".

Lara Méndez, no transcurso da súa intervención, defendeu que Lugo é "unha cidade claramente" máis "preparada e mellor que fai tres anos", cunha estratexia para o 'Lugo 2020' que expón un "modelo de cidade" que a sitúa en aspectos sociais ou ambientais á "vangarda de Europa".

Un avance que confrontou co que viviu Galicia no últimos tres anos. "Está Galicia mellor preparada que fai tres anos? Gustaríame dicir que si, pero por desgraza é só un desexo", incidiu. No acto celebrado en Santiago estiveron presentes, entre outros, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, o portavoz parlamentario Xaquín Fernández Leiceaga e o candidato socialista á alcaldía de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta