Por Galicia Confidencial | A Coruña | 06/11/2018 | Actualizada ás 19:31
A grande eclosión dos coñecementos en neurociencia das dúas últimas décadas permitiu comezar a entender como o cerebro busca, almacena e xestiona os novos aprendizaxes e as diferentes habilidades cognitivas. Porén, o feito de que decote esta información se presente fragmentada e incompleta favorece a aparición de mitos en torno ao funcionamento do cerebro.
Para tentar entender este sistema do noso cerebro, as sedes de Afundación da Coruña e Ourense acollerán a conferencia 'Educar a través da sorpresa: como aprende o cerebro', impartida por David Bueno i Torrens. Esta conferencia centrarase en dous aspectos fundamentais das aprendizaxes e do desenvolvemento das habilidades cognitivas: a emocións, entre as que cabe destacar a alegría, o pracer e a sorpresa (e, por oposición, o medo), e a socialización, xa que é o principal mecanismo de recompensa e motivación que percibe o cerebro, o que contribúe a forxar as redes neurais. Todo isto levaranos á importancia do traballo cooperativo e das aprendizaxes.
Esta conferencia retoma o ciclo de conferencias “Educación século XXI” de Afundación, a Obra Social de ABANCA. Terá lugar nas sedes de Afundación na Coruña e Ourense o mércores 14 de novembro ás 19.30 h e o xoves 15 de novembro ás 20.00 h.
DAVID BUENO
David Bueno i Torrens (Barcelona, 1965) é doutor en Bioloxía e profesor e investigador de Xenética na Universitat de Barcelona. A súa traxectoria profesional e académica, centrada na xenética do desenvolvemento e a neurociencia e a súa relación co comportamento humano, desenvolveuse principalmente en Barcelona. Foi tamén investigador na Universidade de Oxford, e realizou estancias na Universidade de Innsbruck (Austria) e o European Molecular Biology Laboratory de Heidelberg (Alemaña).
As propostas da Área Educativa de Afundación abarcan múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.