Por Galicia Confidencial | Ourense | 12/11/2018 | Actualizada ás 14:11
Aspirantes a unha praza no Concello de Ourense presentaron xa varios recursos contra o que consideran unha adxudicación fraudulenta e “a dedo” nesta administración. Trátase dun posto de interino no Programa Geoatlantic, un proxecto que ten coma fin impulsar o uso da enerxía xeotérmica.
Fontes consultadas por GC que participaron nese concurso consideran que é “escandaloso” o acontecido. A praza gañouna un aspirante vinculado co Partido Popular e que é licenciado en Empresariais, unha área que, en principio, nada ten que ver co perfil da praza, máis vinculada cun enxeñeiro ou unha técnica de área. De feito, tamén o propio Colexio de Agrónomos denunciou as bases dese concurso pola súa arbitrariedade.
A convocatoria desta praza xa chegou tamén ao ámbito político. O BNG considera que "se fixo unha praza á medida do candidato que resultou elexido". “Obtivo a maior puntuación do concurso o aspirante Raúl González Castro, a persoa que era vox populi e que entraba en todas as quinielas como candidato a gañar a praza", dixo o BNG que sospeita que a praza foi “feita á medida”.
O gañador da praza, ademais, xa estivo a traballar na Cámara de Comercio e, desde un primeiro momento, segundo indicou o BNG, "estivo exercendo de maneira oficiosa como tal mesmo en actos públicos de Termatalia e outras institucions ligadas á Deputación desde antes da adxudicación. “É algo escandaloso”, apuntou.
OUTRAS DENUNCIAS
Non é a primeira denuncia, nin a última sobre os “numerosos” casos de enchufismo que se están dando neste concello, como foi xa o caso da elección do Xefe de Persoal, Francisco Javier Rodríguez-Novoa, ex concelleiro do Partido Popular. O portavoz de Democracia Ourensana, tamén indicaba hai uns meses que "a señora" do xefe de servizo e funcionaria no concello limítrofe de Barbadas acaba de "ser postulada como aspirante finalista á xefatura do servizo de plan e xestión urbanística" de Ourense. “De consumarse o seu nomeamento teriamos a marido e muller, populares, achegados ao alcalde, en postos de alto mando en seccións do Concello", indicaba.
Ademais, en maio deste ano Ourense en Común entregou a través do rexistro do concello catro currículos para que se tiveran en consideración no proceso para cubrir o posto vacante na secretaría do Tribunal Económico-Administrativo. “É necesario acabar co enchufismo e estas vellas prácticas de libre designación. Calquera posto dentro da administración pública debería fixarse por baremos obxectivos”, apuntaba.
A cousa foi a máis e esta formación decidiu levar ao concello ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que acabou admitindo a trámite este verán un recurso contencioso-administrativo contra a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello. Ourense en Común denunciaba que entre as irregularidades atópanse "a aprobación unilateral da modificación da RPT contravindo informes como o do interventor, que recollía explicitamente que se lle estaban outorgando asuntos á xunta de goberno local que non son da súa competencia, senón do pleno", así como "a falta de organigrama para vertebrar o documento", no que se rexistra "unha relación de postos e servizos que non garante a funcionalidade nin a eficiencia dos recursos humanos".
UNHA "ACUSACIÓN GRAVE"
Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, ten cualificadas estas acusacións de “enchufismo” de graves. “O TSXG admite case todo a trámite”, suliñaba sobre a denuncia de Ourense en Común da que dicía descoñecer. Tampouco é a primeira vez que o alcalde ou membros do seu goberno minimizan estas acusacións e cargan contra os grupos da oposición.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.