Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 17/06/2011
O movimento 15M pon de manifesto que o nivel de fartura ao que está chegando unha parte importante da mocidade coa oligarquía partitocrática socialista e conservadora que controla o País comeza a ser moi alto. Estou convicto de que o stablishment faria moi ben en tomar nota e emprender as reformas estruturais encamiñadas a relexitimar un sistema político que cada vez está menos lexitimado.
Unha das reivindicacións sobranceiras do movimento 15M e unha das poucas onde os acampados de Madrid lograron o consenso é a reforma da lei electoral, unha reforma neste sentido xunto coa eliminación de certos privilexios e a separación efectiva de poderes podería bastar para reformar a actual partitocracia latina española ata que comece a parecerse a unha democracia liberal europea. Pero, alguén se imaxina a PP ou a PSOE eliminando as deputacións coa cantidade de adeptos colocados que teñen nelas?, e concentrando concellos para reducir custos?, e eliminando o senado onde colocan aos que lles estorban para que non protesten?, alguén se imaxina a PP e a PSOE eliminando os privilexios da clase política? ou castigando o absentismo dos parlamentarios cunha diminución do salario como lle pasaria a todo fillo de veciño cando falta ao traballo sen xustificación?
O PP e o PSOE son hoxe conglomerados de intereses persoais e de defensa de determinados lobbies que son os que á sua vez os axudan a permanecer ou a alcanzar o poder, son duas maquinarias ao servizo exclusivamente de si mesmas, dos seus obxectivos de poder e dos intereses, por espurios que estes sexan, das miles de persoas que teñen colocadas nas administracións, empresas de todos os tamaños que viven de adxudicacións públicas máis ou menos fraudulentas e de determinados lobbies, as grandes empresas construtoras, bancarias e enerxéticas saben que están protexidas da concorrencia polos dous partidos, o PSOE alimenta e aliméntase do lobby dos sindicatos e o PP alimenta e aliméntase do lobby católico, por só mencionar algún dos grupos de presión que están detrás de todas e cada unha das decisións dos dous grandes partidos.
Se partimos da hipótese que a situación social non tenderá senón a agravarse como mínimo nos próximos dous anos, ainda que non sexa máis que polo feito de que a duración da crise española, é falso que a crise sexa mundial, a crise é só dos PIGS (paises latinos europeos) vai facer que os subsidios de desemprego se vaian esgotando, se temos en conta que España supera a arrepiante cifra do 40% de desemprego xuvenil, quen pense que o movimento 15M e o malestar de amplas camadas da sociedade é flor dun día e que pode seguir vivindo opiparamente a conta dos contribuintes quizá se esté trabucando.
E esta equivocación pódenos sair moi cara a todos, se a partitocracia latina de PP e PSOE non se convirte, mediante a reforma das regras de xogo político, nunha democracia homologable coas de centro ou norte de Europa, podemos estar na antesala dun perigoso fenómeno de polarización de consecuencias imprevisibles, no debate dos orzamentos os deputados cataláns tiveron que entran en helicoptero ou en furgonetas policiais ao Parlament e os que entraron polos seus medios foron agredidos ou insultados, incluindo os de ICV, antes na mesma cidade houbo fortes desmáns policiais mesmo cunha vítima mortal contra os acampados que en absoluto xustifica as agresións aos parlamentarios, e isto pode ser só o inicio.
Non seria intelixente nin honesto deixar que se acumulase ainda máis frustración na mocidade porque iso pode abrir un proceso espiral de radicalización na sociedade e non fai falta ser un gurú para darse conta de que o goberno de España estará a máis tardar en dez meses nas mans do conservadorismo de tics autoritarios do PP e que a contestación na rua estará nas mans de grupos da estrema esquerda, en definitiva un escenario moi preocupante que pode xerar un dinámica de acción-reacción entre “as duas Españas” no que a dereita conservadora e a esquerda marxista extraparlamentaria (IU, ERC ou BNG están moi cómodos como para apostar por vias rupturistas) comecen unha espiral de enfrentamento que se sabe por onde comeza pero non por onde acaba.
No medio permaneceremos os liberais, desprezados polas duas almas intolerantes que dominan a política deste País e que nos últimos trinta anos estiveron tranquilas pola vontade de concordia provocado polo trauma da Guerra Civil e da posterior ditadura franquista, a debilidade do liberalismo é, como se demostrou na II República, a debilidade da democracia española e o mellor caldo de cultivo para que as duas Españas volten a armala gorda se a UE non o remedia.
Duas son as vias que podemos percorrer no futuro, en primeiro lugar, a vía cara a que apunta o incipiente fenómeno de polarización, a do populismo de esquerdas e dereitas, e en segundo lugar a vía do liberalismo. A vía populista de esquerdas ou dereitas achéganos a sudamérica e aos trazos culturais latinos; o autoritarismo, a falta de responsabilidade individual, e a falta de cultura democrática, mentres que a via liberal achegarianos ao centro ou o norte de Europa e aos trazos culturais anglosaxóns, e ao binomio conceptual que mellor define este modelo; liberdade-responsabilidade, a pelota está no tellado da partitocracia PP-PSOE, ou se toman en serio o que está comezando a pasar e homologan as regras de xogo políticas de España ás dunha democracia liberal europea ou comezaremos a cair pola costa abaixo do populismo que só provocará máis pobreza, máis violencia, máis autoritarismo, máis corrupción e máis irresponsabilidade.