A dirección de PSA Vigo e os sindicatos UGT e SIT asinan o ERTE e medidas de mobilidade

CC OO, CIG e CUT desmárcanse do acordo. O pacto afectará a 400 traballadores da planta viguesa.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 26/11/2018 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

A dirección da planta viguesa de PSA Peugeot Citroën e os representantes do SIT e UXT no comité de empresa --que supoñen o 75 por cento da representación do cadro-- asinaron este luns o acordo para a aplicación dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) motivado pola baixa produción do sistema 1 --que monta os modelos Peugeot 301 e C-Elysée--, e que inclúe a supresión dunha quenda de traballo e diversas medidas de mobilidade para recolocación de operarios.

Planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo
Planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo

O acordo, do que se desmarcaron CC.OO., CIG e CUT, contempla a aplicación dun expediente regulatorio suspensivo para 50 días --medida que se manterá en vigor desde o 1 de decembro de 2018 ao 31 de decembro de 2019-- que afectará a 400 traballadores. Os días de ERTE complementarase, por parte da empresa, até o 80 por cento do salario. Así mesmo, pactouse a eliminación dunha quenda no sistema 1, onde quedarán traballando os operarios do equipo A de Ferraxe e Pintura, e os do equipo B de Montaxe, Calidade e Loxística.

Os traballadores a tempo completo da quenda que se suprime serán recolocados, ou ben na quenda que queda no sistema 1, ou ben no sistema 2. Ademais, ofrécese a posibilidade de que, quen o desexen, pasen a traballar na quenda de fin de semana, cunha compensación económica lineal de 2.000 euros.

Con respecto aos traballadores a tempo parcial, tanto do sistema 1 como do sistema 2 (que teñan que ser trasladados para buscar 'oco' para os operarios de xornada completa) serán recolocados na quenda de noite, salvo que voluntariamente queiran adscribirse ao fin de semana.

Ademais desas medidas de mobilidade, a empresa prevé a posibilidade de que os empregados que queden no sistema 1 teñan que traballar na quenda de noite dese sistema os días de suspensión. Do mesmo xeito, contémplase a posibilidade de "programar ampliacións de xornadas até 9 horas" en función da produción; ou ben reducións de xornadas até 6 horas, após a introdución en liña do novo modelo.

Finalmente, a empresa comprometeuse a realizar 140 contratos fixos antes de final de ano, e confirmou que, das 130 novacións comprometidas no Convenio, faranse 50 en 2018 e outras 80 en 2019, cando se cre a segunda quenda no sistema 1 para a produción do novo modelo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta