O alcalde de Tui: "Se non chega a ser polo xuíz non habería desaloxo de explosivos"

Critica á Subdelegación do Goberno por non cooperar para desmantelar a pirotecnia de Baldráns. Os TEDAX entraron este mércores nela para avaliar a retirada de 2.700 quilos de explosivos.

Por Galicia Confidencial | Tui | 28/11/2018 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, informou este mércores de que os TEDAX da Garda Civil están "a inspeccionar" o interior da pirotecnia 'La Gallega', no barrio de Baldráns, onde hai "2.700" quilos de explosivos, e que lle entregarán "un cronograma" de como evacuarán e destruirán o material ao longo da próxima semana.

Os TEDAX acuden á pirotecnia de Baldráns, en Tui
Os TEDAX acuden á pirotecnia de Baldráns, en Tui | Fonte: EP

Ás 9,00 horas deste mércores a familia do propietario da pirotecnia, en prisión provisional pola explosión dun almacén ilegal de material explosivo que causou dous mortos e decenas de feridos e desfeitas materiais no barrio de Paramos, deu acceso ás forzas de seguridade ao interior do recinto.

O alcalde manifestou que "este venres" a Intervención de Armas da Garda Civil entregaralles un "cronograma" para o desaloxo da pirotecnia. "O que me adianta o sarxento da Garda Civil é que se producirá ao longo da próxima semana, é un prazo máis longo do que se expuña pero notificarémosllo ao xuíz por escrito", sostivo, aínda que espera levar a cabo a derriba no prazo dun mes que indica a sentenza.

Padín destacou que "se non chega a ser polo xuíz non habería desaloxo". O rexedor lembrou que asinou un decreto para o desaloxo despois do auto xudicial que cualificou dunha "excelente noticia" porque, segundo as súas palabras, era "evidente" que había "moi pouca vontade" por parte da Subdelegación do Goberno de "colaborar".

Así mesmo, criticou a situación "paradoxal" e "moi inxusta" na que se atopaba como alcalde porque lle obrigaban a cumprir unha sentenza "imposible" de executar "mentres os explosivos sigan dentro".

Os Técnicos Especialistas en Desactivación de Artefactos Explosivos (TEDAX) da Garda Civil están "a tomar nota do material" e "avaliando como van proceder á destrución do mesmo", segundo informou o xefe da Policía Local de Tui, Manuel Arca, ás portas da pirotecnia 'La Gallega'.

CRONOGRAMA

Arca trasladou que hai material "que xa está acabado", é dicir, fogos de artificio, petardos e outros elementos; e logo hai "material base" para a composición dos mesmos. "Nos próximos días pasarannos un cronograma, pero tamén depende do tempo e dan temporal, porque se chove para a destrución é peor. Eles pasarán un cronograma coas datas, o que se vai a destruír cada día e como", aseverou.

Por outra banda, o alcalde explicou que o proxecto de demolición entregouse este martes e que xa está adxudicada por vía de urxencia. "Estamos pendentes da aprobación da Xunta para o permiso da retirada do amianto, que xa se pediu a semana pasada", manifestou sobre o que tachou de "inferno burocrático". Segundo Padín hase econtrado "bastante amianto" nunhas "25" casetas que están dentro das instalacións da pirotecnia.

LIMPEZA DA ZONA CERO DE PARAMOS

Na tarde deste mércores de celebrará en Tui unha reunión convocada pola plataforma de afectados da explosión de Paramos á que acudirá o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen manifestou que "espera" que fagan o mesmo todas as administracións porque cre "que sería unha mostra de respecto e unha forma de facer ver que tentamos solucionar canto antes a situación dos afectados".

Rueda sostivo que a Xunta "desde o primeiro momento e até o día de hoxe" foi a "única" administración que "está a investir varios millóns de euros" en axudas para vivendas para aloxar á xente que quedou sen casa, en axudas aos directamente afectados, ás familias dos falecidos e a locais comerciais que resultaron afectados.

"Esperamos que o resto de administracións fagan o mesmo", afirmou Rueda, que lembrou que hai "un compromiso encima da mesa" que lle manifestou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao presidente da Xunta cando se reuniu con el de que o Estado se ía a ocupar do desescombrado de Paramos".

O vicepresidente da Xunta lamentou que isto "aínda" non sucedese e instou a "un representante do Estado" a que acuda á reunión para confirmar "que se vai a facer canto antes". "Terá toda a colaboración da Xunta, pero creo que cada administración debe cumprir coas súas obrigacións e compromisos", agregou.

Do mesmo xeito, Rueda asegurou que "será unha boa noticia" que os que saian satisfeitos sexan os afectados, con quen manifestou que está "en constante contacto" a través da plataforma de afectados para "axustar as axudas" que necesitan. Na mesma liña, o alcalde de Tui reiterou que "case tres meses despois" de que o Concello entregase o proxecto para executar a limpeza non teñen noticias. "O Estado propón que se faga un convenio pero tampouco hai nin un borrador", insistiu.

"A ver que teñen que dicir as outras administracións que están convidadas", espetou en referencia á Deputación de Pontevedra e a Xunta, "e se por aí hai algunha proposta de solución". Padín detallou que para o Concello, a nivel administrativo, supón unha carga "tremenda" facerse cargo do desescombrado e que isto suporía "un atraso" para dar unha solución aos afectados.

Para o alcalde de Tui o "lóxico" e o "razoable" é que sexa o Estado o que execute este desescombrado da zona cero de Paramos porque ten "os fondos" e conta cunha "estrutura" que lle permite axilizar o trámite, que é o que reclaman os veciños da zona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta