Carmen Piñeiro, unha científica galega pioneira na Antártida

A investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo pon en valor o labor das mulleres científicas españolas que foron pioneiras nos estudos no Ártico, e recorda a primeira expedición científico-pesqueira no continente xeado, hai tres décadas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/11/2018 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

Carmen Piñeiro é investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituto Español de Oceanograía (IEO). Ten máis de 30 anos de experiencia no estudo dos recursos pesqueiros. Agora vén de publicar una artigo no que reivindica o labor das mulleres científicas españolas que foron pioneiras nos estudos na Antártida. 

A científica Carmen Piñeiro.
A científica Carmen Piñeiro.

Este é o artigo (traducido ao galego por GC) que publica Carmen Piñeiro en Océanicas, a publicación do proxecto 'Oceánicas: la mujer y la oceanografía', que ten como obxectivo divulgar o traballo de científicas dedicadas ao estudo dos océanos, tanto actuais como do pasado, dar a coñecer a súa vida e obra, tratando así de xerar vocacións científicas en nenas e nenos, fomentar a súa creatividade, a súa capacidade de decisión e o trato igualitario fronte ás desigualdades de xénero desde idades temperás.

Poucas mulleres poden contar aos seus fillos, ás súas familias e amigos que alá polos anos 80 navegaban polas augas do océano Antártico. Eu inclúome nese pequeno grupo de afortunadas xunto ás miñas queridas compañeiras Ana Ramos, Ana Giráldez e Milagros Millán que, xunto ao resto do persoal embarcado na primeira expedición científico-pesqueira española á Antártida, puidemos sucar aquelas augas e aprender das marabillas que escondía aquel lugar tan remoto do planeta.

As razóns do porqué fun a esta primeira expedición non as recordo con exactitude. Probablemente influíu que era unha campaña longa, nun lugar xélido e  inhóspito, as datas incluían o Nadal e non había un exceso de voluntarios entre os biólogos do IEO… Isto abriunos o camiño ás biólogas que estabamos dispostas a vivir aquela aventura.

A min sempre me fascinou o mar, os barcos, os peixes e a súa bioloxía e iso era no que eu traballaba no Centro Oceanográfico de Vigo do IEO, estudando o crecemento e a idade dos peixes en pesqueiras  demersales. Así que cando me dixeron que podía ir, sentín que era un agasallo do destino. Sempre tiven curiosidade por coñecer partes remotas da Terra e desde moi nova fascináronme as historias de exploradores e en particular a expedición de  Shackelton a bordo do  Endurance (1914–1917) deixárame marcada polo heroísmo daquela xente e a súa supervivencia despois de 281 días.

Pasaron máis de 30 anos desde a histórica campaña Antártida-8611, dirixida polo Dr. Eduardo  Balguerías. A bordo daqueles dous barcos, o Pesca Porta IV e o Novo  Alcocero, iamos 96 persoas, das cales catro eramos mulleres. No primeiro, con 17 científicos a bordo e un xornalista, realizábanse exclusivamente traballos de investigación. O segundo, con catro biólogos, un físico e un médico, dedicouse fundamentalmente a estimar a rendibilidade potencial dos recursos pesqueiros no Arco de Scotia e a medir os niveis de ozono atmosférico.

Durante 80 días que durou aquela aventura percorremos 11.000 millas náuticas sen parar, 24 horas ao día os 7 días da semana. Día tras día traballamos ata alcanzar un total de 345 estacións de pesca, percorrer 4.000 millas de perfís sísmicos, facer 227 estacións oceanográficas, recoller 390 mostras de sedimento do fondo e un longo etc., ademais de volver a España con máis de media tonelada de mostras de invertebrados para a súa posterior identificación.

O ambiente de colaboración non podía ser máis propicio. Os dous barcos, sempre preto pero separados por un mar de augas xélidas, mantiñan unha fluída comunicación grazas á creación de dúas  gacetas: “O Pingüín” no Pesca Porta e “A Foca  Alcocera” no Novo  Alcocero. Nelas, Valentín, o xornalista, escribía sobre as actividades do día a día, os primeiros resultados dos traballos realizados, historias sobre os antigos visitantes daqueles mares, etc.  Aquelas crónicas cheas de humor desataban unha especial alegría que axudaba a combater o frío constante na mesa de  triado, onde diariamente dabámonos cita os biólogos e biólogas para desempeñar os nosos labores. Cando se oía por megafonía: “arte a bordo!”, inmediatamente comezaba entre os biólogos unha actividade desenfreada. Primeiro o impulso de explorar con detemento a arte de pesca, “que viría enganchado na rede?” Esponxas xigantes, estrelas, gorgonias, ofiuras,  nudibranquios, pycnogonidos, krill, etc.

Algunhas especies chegaban vivas a bordo e poñiámolas nun pequeno tanque con auga para observalas posteriormente con máis detemento. Despois continuabamos con todo o protocolo: medición de mallas, triado de todas as especies, identificación taxonómica, listas  faunísticas, mostraxes biolóxicas e un longo etc. Pouco parecíanse aquelas capturas ao que eu vira ata entón: peces xeo (Champsocephalus spp), bacallau antártico (Notothenia spp), pescadas antárticas (Dissostichus spp), etc. Unha vez terminadas esas tarefas, seleccionabamos os invertebrados, identificábanse, contaban, fotografaban e, moitos deles, conservábanse na adega do barco para ser trasladados a España para o seu estudo.

Parabamos para comer e para cear, pero o traballo dos biólogos remataba case sempre de madrugada coa introdución dos datos naquel computador último modelo (Olivetti M 24), coincidindo a miúdo coa actividade nocturna dos xeólogos e químicos. A coordinación entre os diferentes equipos de investigación foi excelente, creándose unha corrente de entendemento e colaboración entre todos, incluída a tripulación, que nalgúns casos terminou nunha gran amizade que continúa ata o día de hoxe.

Considérome unha afortunada por ter a oportunidade de gozar daquela luz cambiante do verán antártico, daquelas paisaxes repletas de icebergs, sempre inspiradores coas súas formas, tamaños e cores. De ver baleas rascando os seus lombos no costado do barco,  petreles e  charranes facendo acrobacias ao son do xélido vento ou de gozar do torpe andar dos pingüíns e do inmenso bulicio das súas pingüineiras. Foi emocionante pasear polo interior do cráter de Illa Decepción e mollar os meus pés nas activas  fumarolas da   Caleta de Baleeiros. E tiven a fortuna de recibir ao novo ano, 1987, cunha inesquecible cea de gala no restaurante “Gusto antártico” a bordo do  Pescapuerta IV, onde brindamos todos con champaña arrefriada en xeo de miles de anos. Foi unha experiencia inesquecible e irrepetible persoal, científica e sobre todo humana.

O día 7 de febreiro de 1987 arribamos a Ushuaia con todos os obxectivos alcanzados. Os resultados presentáronse en foros internacionais e por fin, en 1988, España converteuse en membro de pleno dereito do Tratado Antártico. Viñeron anos dunha intensa actividade científica que xunto ao empeño de científicas da talla de Josefina  Castellví do CSIC, foron claves para a creación da 1ª base antártica española (Juan Carlos I) e a  botadura do buque oceanográfico Hespérides en 1990. Foi entón cando as portas da Antártida quedaban definitivamente abertas a investigación española.

E como mulleres, pois si, nesa primeira expedición demos os nosos primeiros pasos sobre xeo antártico, pasos de investigadora, pasos pola cuberta de barcos pesqueiros deseñados para un mundo duro, onde só os homes tiñan espazo. Hoxe afortunadamente ese grupo de investigadoras é moito máis amplo grazas ao esforzo de moitas mulleres que non abandonaron as súas ilusións, inquietudes e desexos profesionais porque crían nelas mesmas e na súa valía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta