Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2018 | Actualizada ás 15:57
O Grupo Parlamentario de En Marea presentou unha iniciativa na que insta á Xunta a clarificar os gastos concretos que se realizan por transporte, aloxamento e manutención nos desprazamentos oficiais dos altos cargos, conselleiros e do presidente do Executivo autonómico.
Recólleo así unha iniciativa que foi presentada este xoves pola deputada Carmen Santos, quen tamén quere que na web de Transparencia da Xunta apareza a "comitiva exacta" que acode a cada un dos desprazamentos.
Segundo denunciou, no portal de transparencia recóllense as contías globais das indemnizacións por razóns de servizo, pero non están destalladas as descricións do gastado en transporte, aloxamento e manutención, como pide a iniciativa presentada por En Marea sobre a base do "código ético institucional" da Xunta.
"É absolutamente impresentable esta falta de transparencia, agás que se trate de agochar a indecencia dalgunha destas viaxes ou a imposible xustificación da necesidade nalgún caso", apunta Carmen Santos na proposición non de lei para o seu debate no pleno da Cámara.
Nesta mesma liña, o grupo incluíu unha iniciativa no pleno da semana que vén no que se pedía realizar un estudo no que se analizase o esquema retributivo dos responsables públicos galegos, á vez que reclama establecer unha política retributiva "máis transparente e coherente co fin de reducir o gasto total en soldos públicos".
"RECUAR"
Nesa proposición non de lei, En Marea referíase ao caso do ex-socialista Manuel Martínez e o soldo que aprobou o consello de administración de Suplusa, de 72.000 euros, cos votos do PP. Pero posteriormente, os populares facilitaron a aprobación dos orzamentos da Deputación Provincial de Lugo —que dirixe Darío Campos (PSOE)— sen incluírse esta partida, o que deixou invalidada ese salario.
Para Carmen Santos, o PP "recuou" despois de que En Marea incluíse esta iniciativa para o seu debate no pleno do Parlamento da próxima semana, algo do que se "alegrou". "O que nos avergoña é que sigan tentando coar este tipo de cuestións", matizou, iso si, a deputada de Podemos.
A deputada de En Marea, que advertiu de que o soldo de Martínez sería superior ao do presidente da Xunta, avisou de que seguirán vixiantes a este tipo de cuestións e "metendo o dedo no ollo" se é necesario que volvan a "recular".
"Agradecemos que recuasen, agardamos que non teñamos que volver meterlle o dedo no ollo", indicou Santos, quen engadiu que os políticos teñen que ser "exemplares" nas súas actuacións e "cumprir" coas promesas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.