O Consello das Mareas acorda prescindir da empresa xestora do censo electoral

Nunha reunión mantida este sábado decidíronse seis "medidas técnicas" co fin de que a Comisión de Garantías permita a celebración das primarias. Para David Bruzos esta xuntanza "non ten lexitimidade" e insiste en que se debe retomar o proceso.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/12/2018 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

O Consello das Mareas, o máximo órgano político de En Marea, decidiu este sábado implementar seis "medidas técnicas" que implican, entre outras, prescindir das empresas xestoras do censo electoral e do sistema de votación para as súas primarias, co fin de que a Comisión de Ética e Garantías levante a paralización deste proceso.

Plenario de En Marea do 27 de outubro. EN MAREA - Arquivo
Plenario de En Marea do 27 de outubro. EN MAREA - Arquivo

Nunha rolda de prensa logo do Consello, o voceiro da formación, Luís Villares, adiantou que se optará por non requerir os servizos da empresa xestora do censo, xa que as irregularidades detectadas "creban a confianza na persoa que tiña contratada" a manipulación da lista de inscritos. 

De igual modo, cambiarase a empresa do sistema de votacións, debido a que "había restricións de carácter técnico que impedían" realizar os "reparos" perceptivos para que Garantías permita renovar as primarias. En todo caso, tal e como insistiu o portavoz, fixar unha data para as votacións "corresponde exclusivamente ao Comité Electoral".

A Comisión de Ética e Garantías, no que afíns a Villares contan coa maioría, decidira o pasado 1 de decembro deter o proceso electoral ao detectar irregularidades no censo, a pesar de que o Comité, con maioría de críticos agrupados na lista de David Bruzos, pedise continuar coas primarias.

Así, a dirección do partido instrumental pediu dous informes periciais informáticos que confirmaron que houbo dous "accesos non autorizados ao censo" por parte de tres membros do Comité Electoral para "modificalo" e "facer trampas", segundo asegurou o integrante do Consello Gonzalo Rodríguez, que ademais é o responsable legal do censo ante a Axencia Española de Protección de Datos ( AEPD).

UN "DOBRE SISTEMA DE GARANTÍAS"

Por mor das periciais, o Consello propuxo cambios que tamén farán que os inscritos teñan que xerar unhas novas claves de acceso que recibirán a través dun SMS, tanto antes como despois de depositar o seu voto. Trátase, en palabras de  Villares, dun "dobre sistema de garantías" que fai "case imposible un intento de suplantación de identidade".

Así mesmo, contratarase un servizo de auditoría externo "que verifique a limpeza" das votacións cando se celebren e escribirase nas papeletas os nomes completos das persoas que integran cada unha das candidaturas, algo que antes "non era posible" e mesmo era unha "anomalía", en palabras de Villares.

Ante a pregunta de cando se renovará a votación, Villares reiterou que esa decisión "corresponde exclusivamente ao Comité Electoral", sempre que a Comisión de Garantías, que se reunirá "de forma inminente", levante a suspensión das votacións.

Con todo, en declaracións aos medios antes do inicio da reunión, o membro do  Consello  Xurxo Triñanes afirmara que a dirección suxeriría realizar as votacións "antes de fin de ano".

"UNHA BURLA E UNHA ESTAFA"

Estas medidas foron adoptadas na sede da organización en Santiago, nunha reunión do  Consello da que se levantaron tres dos seus membros contrarios a  Villares, encabezados por un David Bruzos que tachou de "farsa" a xuntanza: Oriana Méndez, Paula Rodríguez e Daniel Calvete. Este último explicou, en declaracións aos medios, que "non" ían participar na reunión "porque é unha burla e unha estafa" que pretende "dilatar" o proceso.

"Houbo un plenario no que se tomaron unha serie de acordos que non se están cumprindo", esgrimiu, para despois denunciar que é a coordinadora, un "órgano en funcións", a que "usurpa as funcións do Comité Electoral".

Así as cousas, Calvete esixiu "convocar de forma inmediata as eleccións", xa que, ao seu modo de ver, "está demostrado" que "non houbo manipulacións do censo", e pediu "retirar a denuncia ante Fiscalía" contra os dous membros do Comité Electoral. "En Marea é unha organización política que sempre predicou os principios de fraternidade. Non entendemos como se pode tomar unha medida que pode chegar a entre seis meses e dous anos de prisión como consecuencia desta denuncia", censurou.

A continuación, aínda que descarta que haxa un risco de fractura na organización, Calvete cre que "vai custar moito restablecer a confianza" no partido "con xente que quere meter a compañeiros no cárcere". Sobre este asunto, Villares apuntou que o compromiso político de En Marea "é coas persoas inscritas", polo que non van encubrir " ningunha conduta de feitos que son ilícitos".

PERSOAS QUE ACCEDERON AO CENSO

En canto ás dúas persoas que accederon ao censo, a pericial apunta a membros de  Esquerda Unida (EU). Así, esta organización emitiu na mañá deste sábado un comunicado no que asegura que estas informacións "son falsas", á vez que din "descoñecer os informes das auditorías e con que criterios se contrataron".

Deste xeito, a organización dirixida por Eva  Solla apoia aos seus membros fronte ás "actuacións irresponsables e interesadas de quen cre ter o poder". "Desde  Esquerda Unida denunciamos por tanto estas acusacións que se están vertendo sobre esta organización e sobre compañeiras e compañeiros que están a desenvolver as funcións para as que foron electas no Comité Electoral de En Marea", critica, para despois advertir que "actuarán en consecuencia e esixindo responsabilidades políticas e legais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 12 comentarios

3 Sentidiño

Moi ben, somos todos a hostia...e agora? Van aparecer os fascistas de ciudadanos e a compaña? Por qué non gardades todas a palla pa cando se poida desbarrar, e agora imos en bloco? Cánta retórica e qué pouco sentido! A mín dáme igual votar Marea ou votar Bng... non quero fascistas.

2 Anova xa non é nada

En Marea, por un lado, e Unidos Podemos, por outro ... e Anova? :) :) :) :)

1 Fran Correa

Vendo como os tramposos son amparados polo PcE e por Podemos, con total descaro e sen disimulo, fica demostrado que era unha maniobra programada polos partidos españolistas que pretenden domesticar En Marea. Que amos madrileños tan descarados teñen en ANOVA e na FPG! Ou que barato se venderon os que tanto alardean de municipalismo e de independentismo galego!

1 Conferencia episcopal

Ben falado, pero engadiría o das relacions dalgun familiar moi dieecto so Bruzos con Baltar