Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/12/2018 | Actualizada ás 10:15
Os problemas da balsa mineira de Bama non cesan. Cada vez que chove abundantemente, a poza segue desbordándose e vertendo cara o río Brandelos, un afluente do Ulla. Esta situación reitérase malia as continuas denuncias presentadas pola Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino Non durante este ano. De pouco serviron tamén o par de denuncias interpostas por Augas de Galicia á concesionaria Explotaciones Gallegas. A asociación cidadá esixe que se revertan estas circunstancias dunha vez por todas.
Ao parecer, as multas á empresa por valor de 30.000 e 20.000 €, respectivamente, non foron suficientes para poñerlle fin a esta problemática de contaminación ambiental. Estas dúas sancións coñecéronse no mes de setembro, aínda que afectaban aos desbordamentos producidos en febreiro deste ano. A asociación Aldea Viva fixo pública a segunda destas multas, que castigaba "a alteración da calidade das augas por concentración de contaminantes superiores aos límites autorizables".
"Nin a empresa nin a Administración tomaron ningún tipo de medida que evite ou minimice novas verteduras de lixiviados contaminantes desde a antiga mina de Touro", expoñen dende a Plataforma. Critican que, no entanto, TEN SL, a empresa encargada da suposta rexeneración dos terreos mineiros, non deixe de gañar premios en certames "nos que participan como membros do xurado, curiosamente, organismos da Xunta".
Este conflito vén a confirmar, din dende a plataforma Mina Non, que a Xunta non pode dar luz verde en ningún caso ao novo proxecto mineiro de cobre a ceo aberto, xa que iso "só viría a rematar de contaminar os nosos ríos e terras".
UNHA PROBLEMÁTICA QUE CHEGOU A MANS DA VALEDORA
O descoido ambiental desta zona foi reflectido nun informe da Valedora do Pobo, en resposta á Plataforma no pasado mes de xuño. Nese documento expoñíase a constatación por parte de Augas de Galicia da existencia dun vertido "constante e continuo".
Ademais, sinalábase que non hai "ningunha sinalización da balsa mineira, nin da súa existencia, nin da súa profundidade, composición ou risco, nin medidas de seguridade que impidan o acceso a ela". A única xustificación que alegaba a empresa propietaria dos terreos ao respecto era "que se trataba do sistema máis económico, non o máis eficaz nin eficiente".
Por todo iso, instouse a Explotaciones Gallegas a remediar o problema, mais semella que aínda non o fixo á vista dos últimos acontecementos que denuncia a Plataforma. Aseguran que seguirán en pé de loita, dispostos a denunciar estes feitos "as veces que sexa necesario", ata que haxa unha solución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.