Sabela Ramil ou como universalizar o galego en Operación Triunfo

"O galego non ten que ser un obstáculo, senón que pode ser unha panca" para o éxito e para que se valore no resto do mundo. O presidente da Agal e mais o secretario da RAG valoran moi positivamente as implicacións do compromiso lingüístico que mostra a pontesa neste concurso de música. O mércores aspira a converterse na gañadora da edición e farao cunha canción en galego, a terceira que interpretará no noso idioma durante a súa estadía no programa.

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 18/12/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A estas alturas xa está asumido que o programa Operación Triunfo (TVE) é todo un fenómeno social de masas cunha chea de seguidores, pero Galicia semella estar especialmente implicada nel durante esta edición. O porqué disto pódese explicar en boa medida pola participación de Sabela Ramil, unha rapaza das Pontes que puxo en valor a lingua e cultura de noso durante o seu paso pola Academia de OT. A escasas horas de se celebrar a gala final que porá remate ao concurso, Sabela loitará polo primeiro posto cunha canción da banda galega Marful, 'Tris-tras'. Non é habitual ver a nosa lingua representada nun programa da televisión pública a nivel estatal, e iso espertou o interese, o agradecemento e as louvanzas cara á moza.

Sabela Ramil
Sabela Ramil | Fonte: AXM

"Nestes tempos de desánimo, cando se nota unha especie de desafección polo galego entre a xente nova e cando resulta difícil atopar crianzas e adolescentes que falen na nosa lingua, é moi importante que unha rapariga como Sabela leve o galego a un programa de TVE tan visto. Está dando a coñecer a nosa lingua a nivel estatal e non só para a xente que xa a coñecía", opina Eduardo Maragoto, presidente da Agal (Associaçom Galega pola Lingua). Con estes xestos, a artista "insuflou un gran ánimo en todas as persoas que falamos galego ou que estamos preocupados pola lingua".

Para el, Sabela mostrouse afouta cunha "personalidade" e un "carisma" ben definidos. E é que, co desta semana, xa serán tres os temas en galego que escolleu interpretar nas galas de OT, nun horario de máxima audiencia. Primeiro foi 'Benditas feridas', de Rosa Cedrón, unha aposta que lle valeu a permanencia no concurso grazas ao grande apoio do público nada máis comezar; e logo 'Negro Caravel', unha versión dun poema de Rosalía de Castro ao que lle puxeron voz e música a propia Cedrón e mais Cristina Pato. Desta volta, como colofón da súa traxectoria, defenderá 'Tris-tras', unha canción da xa extinta banda da que formaba parte Ugia Pedreira, quen manifestou o seu entusiasmo pola chiscadela que lles fixo Sabela ao pedir cantar esta peza.

Ela é unha das cinco concursantes finalistas -entre os 16 que entraron na Academia logo de superar un cásting de milleiros de persoas-, e niso tivo ben que ver o público, que cos seus votos conseguiu salvala en varias ocasións e incluso convertela na favorita da semana. En palabras de Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega, este apoio vén a revelar "unha especie de divorcio" que hai entre dúas caras da sociedade: "unha España, sobre todo xove, que admite con moita naturalidade a diversidade lingüística e cultural do país", fronte a esoutra "España vociferante, sobrerrepresentada mediaticamente e no ámbito político, que lanza constantemente mensaxes belixerantes e de incomprensión cara a esa pluralidade".

Sabela, cantante de 'Operación Triunfo', interpreta 'Benditas Feridas'
Sabela, cantante de 'Operación Triunfo', interpreta 'Benditas Feridas' | Fonte: RTVE.

Contra esas ideas de "conformismo" e "de que pasarse ao castelán é guai e abre portas", a pontesa demostrou "que o galego non é un obstáculo para triunfar fóra, senón que pode ser unha panca".

UN ESPELLO ONDE A MOCIDADE POIDA MIRARSE

Monteagudo valora moi positivamente o éxito de Sabela e sitúaa como un referente para toda unha xeración por rachar con prexuízos e tópicos sobre a nosa lingua. Aínda que a mocidade é o sector máis desgaleguizado en canto ao uso do idioma, o secretario da RAG confía nestas novas xeracións e no seu poder revolucionario. Contra esas ideas de "conformismo" e "de que pasarse ao castelán é guai e abre portas", a pontesa demostrou "que o galego non é un obstáculo para triunfar fóra, senón que pode ser unha panca". Quizais sexa este o impulso que precisa toda esa rapazada: facía falta unha figura próxima a eles que defendese a identidade galega. "Non temos que ser máis madrileños para que nos queiran!", reivindica Henrique Monteagudo.

"Pensándoo seriamente, non hai ningún motivo polo que a música galega e en galego non poida triunfar en España", di, en alusión a unha posible carreira profesional de Sabela na que o compromiso lingüístico estea ben presente. Lembra os tempos nos que Andrés do Barro se coaba nas listas de éxitos españois con 'O tren' ou Juan Pardo cantaba 'Anduriña' polos escenarios do país. Por que non ía ser agora Sabela quen pegase un brinco por riba desas fronteiras e acadase éxito coa súa música en galego?

"Eu penso que non podía xurdir mellor representante", afirma Eduardo Maragoto, quen aplaude non só a escolla de cantar tres cancións en galego, senón as continuas referencias á nosa cultura que fixo no marco da Academia. "É unha lección para a xente nova e, sobre todo, para o resto de xeracións, porque moitas veces somos críticos cos comportamentos das persoas desta idade e tratámolos de individualistas", di, para recoñecer a valía dos máis novos e ese criterio firme que defenden sen reparos.

Este mércores cantará unha peza de Marful escrita en linguaxe reintegracionista e cunha mensaxe reivindicativa de cara ás mulleres.

SABELA RACHA FRONTEIRAS

Especialmente comentada está a ser a súa aposta musical desta semana. 'Tris-tras', a canción de Marful que interpretará este mércores, é unha peza reivindicativa que lanza unha mensaxe de ánimo ás mulleres. Chamou a atención entre os fans do programa o feito de que a súa letra semellase estar escrita en portugués. E é que Ugia Pedreira, autora da canción, empregou a opción gráfica máis próxima á lusofonía para dar forma a esta historia.

"A xente o que vai oír é o que canta, non como está escrito. Non me parece que ela [Sabela] o faga como un xesto de reivindicación deste tipo de ortografía", opina Henrique Monteagudo. Pola contra, para o presidente da Agal, esta escolla supón, ademais dun acto de simpatía cara ao traballo non sempre coñecido do grupo Marful,  un "merecido recoñecemento" ao mundo musical, "un dos máis avanzados na procura da irmandade coa lusofonía" e en levar o reintegracionismo alén dos "círculos intelectuais" nos que se move.

Tal foi a dimensión da elección de Sabela, que mesmo chegaron reaccións dende o Brasil e dende o noso país veciño. "À distância segura da nossa fronteira antiga, não nos faz mal desejar sorte a quem leva uma língua tão nossa aos ouvidos dos espanhóis, que assim ficam a saber o que são 'olhinhos azuis' [dos que fala a peza]. Se isto não é a nossa língua, é o diabo por ela". Estas verbas de Marco Neves discorrían veloces pola rede esta semana, logo de ser publicadas nunha web portuguesa. Do outro lado da raia, tamén van coa galega. "Que ganhe a mellor. E que a melhor seja Sabela". Así sexa.

En calquera caso, algo xa gañou. Como canta Sés, deixou semente de vencer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 zKDK

Unha canción mala, cunha canción en galego houbera tido máis exito.

1 Courelois

"houbera tido"? "exito"?? Se ise é o teu galego por min mellor que cantara en galés...

1 CON SABELA

Ánimo Sabeliña que somos moitas as que estamos contigo esta noite, xa non por elixir a fala do país para cantar nunha final, senón por dar ese paso para facelo que moi poucas persoas da túa idade o dan, por desgraza