SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2018 | Actualizada ás 20:35 por EUROPA PRESS
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou o "ton conciliador" do discurso do Nadal do Rei Felipe VI, que busca "puntos de encontro" na sociedade e na política española e "evita calquera motivo que poida xerar tensión ou exclusión".
En declaracións difundidas aos medios, o líder dos socialistas galegos asegurou "coincidir" nas dúas liñas argumentais fundamentais da mensaxe do monarca.
Así, en primeiro lugar, destacou a "importancia da convivencia política e do respecto das regras da democracia" e, en segundo lugar, a chamada a tentar incorporar de forma activa á xente máis nova no funcionamento político e nos valores nos que se sostén a democracia en España.
Ademais, Gonzalo Caballero tamén puxo en valor as mencións do Rei á loita contra a violencia de xénero, á cuestión do cambio climático.
Con todo, considerou que "podería haber unha ampliación dos temas do discurso a cuestións de igualdade económica e de oportunidades" nuns momentos nos que "hai unha ampla desigualdade evidenciada após a crise".
"Valoración positiva cara a un discurso que tenta pór en valor o que a democracia española ten de positivo para a cidadanía. Entendemos que nesa liña temos que avanzar", sinalou nunha intervención na que tamén considerou que "hai retos que cubrir de cara ao futuro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.