Os case douscentos traballadores de Vodafone en Galicia pendentes do ERE anunciado pola empresa

O expediente de regulación de emprego da empresa de telefonía afectará a un total de 1200 traballadores en toda España.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2019 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

Vodafone España comunicou aos representantes dos traballadores a apertura dun procedemento de despedimento colectivo "por razóns económicas, produtivas e organizativas" que afectará a un máximo de 1 200 empregados, o 23,5% do persoal en España.

Vodafone. EUROPA PRESS - Arquivo
Vodafone. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Segundo datos facilitados pola empresa, Vodafone contaba con 184 traballadores en Galicia a peche do seu ano fiscal (31 de marzo 2018), repartidos entre as sedes de Vigo (onde hai máis de 120) e A Coruña (preto de 60). As mesmas fontes aclaran que aínda non hai estimación do impacto que pode ter o ERE na Comunidade. A operadora detalla que convocou aos sindicatos para iniciar a finais de xaneiro o período de consultas deste Expediente de Regulación de Emprego (ERE), un proceso que se prolongará durante un mes e no que a empresa buscará un acordo cos representantes dos traballadores.

Pola súa banda, o responsable do sector de Comunicacións e Medios de UGT en Galicia, José Ramón Vizcaíno, tacha de "barbaridade as dimensións do ERE", que ve consecuencia de "decisións empresariais erróneas no tempo de Vodafone en España como a compra de Ono ou non apostar polo fútbol". Vizcaíno critica que os afectados "sexan os traballadores cun terceiro ERE e que non paguen o pato primeiro os directivos pola súa mala xestión".

Nesta liña, este representante sindical tamén reflexiona sobre como "a raíz dos problemas" dos que deriva esta situación é "a regulación das comunicacións en España, que afecta o emprego", dado que se deixa operar a compañías virtuais cun "mínimo" de traballadores, mentres se vai en contra de empresas con emprego cualificado". Pon de exemplo o alto grao de cualificación de moitos traballadores de Vodafone en Galicia.

EN BUSCA DO "MELLOR ACORDO POSIBLE"

A este respecto, Vodafone afirma que, "sendo sensible ao impacto desta medida", aborda a negociación coa determinación de alcanzar coa representación social "o mellor acordo posible tanto para os empregados como para a empresa". Vodafone España explica que o procedemento que arrinca este xoves persegue "reverter a negativa evolución do negocio, reforzar a súa sustentabilidade, protexer a capacidade de investimento e deseñar unha organización máis competitiva e mellor adaptada ao que piden os clientes"

Así, sinala que no actual contexto de mercado a demanda de servizos segue crecendo de forma exponencial, pero en cambio os prezos non aumentan, como reflexa que cerca do 50% das altas brutas están asociadas con ofertas "low e medium cost". A compañía asegura que isto lle obriga a ter unha estrutura de custos preparada para competir con éxito en todos os segmentos, unha situación levou xa a caídas dos ingresos e do resultado bruto de explotación (Ebitda) no primeiro semestre do actual exercicio.

Así mesmo, tamén agrega que as actuais expectativas dos clientes, que esixen unha relación áxil, sinxela e inmediata, levan a Vodafone a buscar un modelo organizativo máis simplificado e que reforce a coordinación e sinerxías entre os equipos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta