Búscase investidor para salvar Isowat na Coruña

A Xunta busca fórmulas con dous posibles investidores para garantir a continuidade da empresa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2019 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

A Xunta buscará fórmulas con dous posibles investidores para garantir o emprego e a continuidade da planta de Isowat Made da Coruña, que conta actualmente con 76 empregados e atópase en concurso de acredores.

Conselleira de Economía de CyL, Pilar del Olmo, en Santiago
Conselleira de Economía de CyL, Pilar del Olmo, en Santiago | Fonte: Europa Press

Así llo trasladou este martes o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, ao administrador concursal, nunha reunión en Santiago na que participaron representantes dos traballadores das plantas de Isowat (do grupo galego Invertaresa) da Coruña e Medina del Campo (Valladolid), acredores e a conselleira de Economía de Castela e León, Pilar del Olmo.

Segundo a Consellería, nesa reunión o Goberno galego remarcou que a solución "ten que vir da man dun investidor".

Ata a data, o Executivo galego ten constancia de que hai dous interesados, aínda que non se produciu ningunha oferta. Por iso, o obxectivo é buscar fórmulas con eles para garantir a viabilidade.

OFERTA ATA O 25 DE XANEIRO

O presidente do comité de empresa da planta da Coruña, Cándido López, explica que esta reunión serviu para "buscar entre todos unha posible solución" para que calquera dos investidores poidan levar a cabo a oferta.

Respecto diso, Cándido López valora que as administracións de Galicia e Castela e León "están comprometidas" con "pór todo da súa parte para que calquera investidor que veña teña asegurado o seu apoio".

Sobre os dous posibles investidores na Coruña, "polo momento non están interesados nas instalacións", senón na unidade produtiva de maquinaria e empregados desta fábrica de compoñentes eléctricos. "Iso non quita que poida aparecer alguén que lle interesen tamén as instalacións", apostila.

Unha situación diferente á do investidor da planta de Medina del Campo, xa que "alí hai un investidor que si que está interesado nas instalacións, polo que sería falar con Abanca, que é a tenedora da hipoteca".

Neste sentido, Cándido López explica que un dos interesados na Coruña "acaba de aparecer hai pouco", mentres que o outro "expón un problema de continxencias" para realizar o investimento "polas posibles reclamacións que poidan vir tanto laborais como de Seguridade Social". Por iso, "buscan unha solución xurídica de como cubrirse nese tipo de casos".

O obxectivo é que se presente unha oferta antes do 25 de xaneiro, data na que finaliza o prazo de presentación. Se chegado ese día non hai ningunha, o administrador concursal procedería a un expediente extintivo co despedimento dos traballadores e entraríase nunha segunda fase de poxa por lotes.

Aínda que se mostra "optimista" polo apoio das administracións e a reunión deste martes, deixa claro: "Pero xa fomos optimistas moitas veces e o tempo corre".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta