Substancialmente contundente é o editorial de El País, “Desaceleración por precariedade” do 28 de decembro de 2018. Tras anos de liberalismo agora recoñecen que: “Case todas as prospeccións económicas para o ano 2019 coinciden en que se aproxima unha desaceleración económica. (…) Pero nesta desaceleración proxectada pesa ademais un factor que nunca fora tan grave como ata agora: a caída xeral das rendas salariais acompañada, nalgunhas áreas económicas, por unha precarización laboral tóxica para a demanda de consumo e, indirectamente, para a de investimento. En termos sinxelos, tal e como se repetiu con frecuencia, salarios deprimidos e contratación precaria non poden soster o crecemento económico durante moito tempo. (…)…Hai razóns para temer unha desaceleración global; pero a orixe está no esgotamento do modelo baseado na depresión salarial e os contratos temporais”. El País marcou un record de “sinceridade”….
El Mundo, no seu editorial do 4 de xaneiro de 2019, “A desaceleración económica chegou” tamén recoñece que unha próxima crise está a piques de causar estragos. E segue optando por obedecer a política colonial de Bruxelas e Berlín. Niso tamén son sinceros…
Non podemos deixar de lembrar as reformas laborais aprobadas polo parlamento español, e de recortes dos dereitos de vida e liberdade dos traballadores. As políticas liberais foron constantes desde 1975, desde a etapa democrática. As máis importantes foron as seguintes: 27 de outubro de 1977, 20 de decembro 1979, 5 de xaneiro de 1980, 9 de xuño de 1981, 15 de febreiro de 1983, 9 de outubro de 1984, 3 de abril de 1992, 13 de xuño de 1994, 9 de outubro de 1996, 4 de novembro de 1996, 28 de abril de 1997, 2 de marzo de 2001, 24 de maio de 2002, 9 de maio de 2006, 6 de marzo de 2009. En 40 anos de Democracia en España 15 potentes leis aprobadas polo parlamento español, en detrimento, ou en perda de dereitos dous traballadores. E finalmente o record de perda de soberanía do 135.
A política económica imposta por Bruxelas ao protectorado denominado “Reino de España”, consiste en depresión salarial e paro. Iso provocou un éxodo masivo de mozos. Os mozos teñen que emigrar para poder subsistir. Entre 2009 e 2017, a cifra de traballadores menores de 30 anos que emigraron foi de case 800.000. En termos totais, o número traballadores españois no estranxeiro desde 2009 creceu en case un millón de persoas (65%), ata alcanzar os 2,4 millóns. Un record europeo.
E Galicia é a comunidade que máis emigrantes ten: máis de 500.000. A modo de exemplo, e da sangría que representa esa realidade, El Progreso, o día 2 Xaneiro 2019 informaba que dos máis de 66.000 lucenses instalados fóra de España, Lugo cidade é, por motivos obvios, a localidade que máis achega á estatística con 12.306. Despois da capital lucense, aparecen Monforte (3.357), Chantada (3.658), A Fonsagrada (3.495), Sarria (2.167), Viveiro (2.130) e Pantón (2.114). O 20% do total dos habitantes da provincia de Lugo, viven emigrados. Outro record europeo.
Fronte a esa realidade, o pasado 2018 superou todos os récords de chegadas de inmigrantes en patera. 57.250 persoas lograron arribar a España o ano pasado tras cruzar o Mediterráneo, segundo os datos da Organización Internacional para as Migracións ( OIM) ata o 26 de decembro. O Presidente dla Xunta, na sua “particular” política inmigratoria, segue querendo atraer a inmigrantes, e non impedir que os mozos galegos emigren. E o está conseguindo.
Gerald Brenan, (Edward Fitgerald Brenan), na súa obra A face de España, describía así aos españois sobre 1950. “Viven nun sistema tribal ou de clientela, que lles impón como deber moral favorecer aos amigos á conta do Estado, e prexudicar aos adversarios. Esta é a primeira Lei deste país, que se observou tanto durante a República como hoxe. Tres cuartas partes do endémico sentimento revolucionario en España proveñen de aí”. Non discutimos que a afirmación de Gerald Brenan sexa unha esaxeración e así o considera Stanley G. Payne. Máis este último autor considera que o comportamento da sociedade española podía ser cualificado como de “ familiarísmo amoral”.
Teorías hai moitas. E son moi necesarias. É difícil interpretar o perxudicial comportamento dos dirixentes políticos e a solemne apatía do pobo. Nin patronal, cámaras de comercio, universidades, din nada ante a realidade da nefasta xestión. Todos calan e resígnanse. Só os sindicatos e forzas políticas minoritarias protestan, sen moito éxito.
O 4 de xaneiro informábase doutro fracaso maiúsculo: “Galicia creou menos emprego no 2018, a pesar de bater o récord de contratación. Por cada un dos 20.659 novos afiliados asináronse máis de 52 contratos”. (Vide. La Voz de Galicia do día 4 de xaneiro de 2019.) En definitiva menos emprego, máis contratos basura, máis precariedade, máis inmigración, máis emigración, menos salarios, e máis crises.
O pasado 4/01/2019 Antonio Garrigues Walker declarou en Expansión: "Concentrar a riqueza asómanos a un precipicio". E afirmaba: “A desigualdade entre cidadáns dentro de cada país é un factor de inestabilidade e insatisfacción e xera violencia social, miremos a EEUU e a Francia. A concentración de riqueza aproxímanos a un precipicio e, se non somos radicalmente irresponsables, reaccionaremos. A Humanidade nunca busca o caos e ten un sexto sentido que lle indica cando non pode seguir adiante sen alterar as cousas. Necesitamos novas voces e unha nova grandeza, alguén que como fixo Roosevelt veña a proclamar un New Deal. Non hai nada imposible. Pero afixémonos a escoitar as mensaxes populistas e a descualificalos, e isto non é suficiente: necesitamos un novo contrato. Ademais, descualificando aos populistas fortaléceselles”. A preocupación de Antonio Garrigues debe servirnos para madurar e apreciar o equivocado camiño polo que nos levan os actuais dirixentes. Se non son radicalmente irresponsables, reaccionaran.
Para cambiar a política hai que recuperar a soberanía que entregaron no seu día co artigo 135.