Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2019 | Actualizada ás 19:14
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu este xoves ao Goberno central que apoie "inequivocamente" ao líder da Asemblea Nacional de Venezuela e autoproclamado este mércores presidente deste país, Juan Guaidó, xa que foi "elixido democraticamente" polo pobo.
Na rolda de prensa posterior á reunión semanal co seu Goberno, Feijóo instou a Pedro Sánchez a dicir "que está a favor da democracia" no estado latinoamericano onde, segundo as súas cifras, viven uns 40.000 galegos, polo que é unha cuestión que "interesa moitísimo" a Galicia.
Ademais, Feijóo mostrouse partidario de que Guaidó "tutele de forma transitoria" unhas eleccións "con todas as garantías" para elixir "un novo goberno en Venezuela" que leve "unha democracia plena a ese país irmán".
O presidente galego alínease cos setores máis duros do PP e tamén coas teses de Vox e Ciudadanos, que ven lexítimo a elección de Guaidó coma presidente. Na UE ningún país lle deu este recoñecemento que si fixeron outros países coma EE.UU. ou Brasil.
Feijóo, nun ton moi populista, moi semellante ao de Vox, insistiu en que é o Goberno de Pedro Sánchez "ao que lle corresponde" fixar unha postura sobre este conflito no que, con todo, o presidente autonómico cre "que non se pode estar nunha zona intermedia": "Ou se está cun, ou se está con outro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.