Piden que os concellos que teñen vítimas do Holocausto que as homenaxeen

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) reclama recoñecemento para os antifranquistas que foron deportados a campos de exterminio nazis.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2019 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) solicitou aos concellos das catro capitais de provincia de Galicia que se realice un acto de recoñecemento ás persoas nacidas neles e que foron deportadas a campos de exterminio nazis, segundo informa a entidade nun comunicado.

Entrada ao campo de concentración nazi de Auschwitz
Entrada ao campo de concentración nazi de Auschwitz

No texto, a asociación explica que "o destino destes cidadáns uniuse ao de millóns de vítimas do Holocausto, perseguidas polos movementos fascistas e europeos que iniciaron en España o seu proceso de destrución da democracia e eliminación do diferente".

A continuación, asegura que "a deportación dos republicanos españois, aos que o franquismo lles retirou previamente a nacionalidade, non se entende sen o seu exemplo de loita no territorio español contra os exércitos de Hitler, Franco e Mussolini". Ademais, afirma que das 179 vítimas orixinarias de Galicia, oito eran da provincia da Coruña, 33 de Lugo, 34 de Ourense e 34 de Pontevedra.

Por parte desta asociación "e co compromiso de manter viva a memoria de todas as persoas que sufriron o Holocausto", solicitaron ao Concello da Coruña que leve a cabo un acto de conmemoración e de recordo o próximo 27 de xaneiro --día internacional da memoria do Holocausto-- "a cada unha das persoas galegas que foron obrigadas a subir aos trens da morte, que morreron nos campos de exterminio ou que liberadas nunca puideron regresar ao lugar no que naceron porque a ditadura franquista negoulles o dereito a regresar ao seu país".

No comunicado tamén recordan que a ARMH solicitou o ano pasado un acto no Parlamento galego que se celebrou con algúns familiares de persoas deportadas. Tamén asistiron alumnos dun centro de ensino medio que leron os nomes de todos os deportados.

Desde ese momento, a asociación asegura que contactou con varios familiares de deportados e "traballa para sacar á luz as historias de persoas que se enfrontaron ao golpe de estado franquista de 1936 e terminaron deportados a campos nazis pola solicitude do ditador Francisco Franco ao seu fiel aliado Adolf Hitler".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta