O lobo, novamente en perigo no Barbanza

O colectivo ecoloxista Axena critica duramente a posibilidade de que se autoricen batidas para un animal que é vulnerable nesta comarca e responsabilizan á Xunta e gandeiros da zona de malas praxis no monte.

Por Galicia Confidencial | A Pobra do Caramiñal | 26/01/2019 | Actualizada ás 10:52

Comparte esta noticia

O colectivo ecolóxico Axena critica duramente que haxa sectores que insistan en pedir batidas contra o lobo na serra do Barbanza. Destaca que aínda é unha especie vulnerable en toda a comarca que recibe a culpa de todos os males sen fundamento.

A gandería extensiva de libre pastoreo na Serra do Barbanza pode sufrir os ataques de cánidos salvaxes e  asilvestrados, mesmo tamén pode sufrir a carencia de prácticas gandeiras que reduzan o potencial ataque como está demostrado noutras zonas de España (Sierra da  Culebra, Zamora). Pero Axena insiste que o lobo, un animal salvaxe que pertence ao patrimonio natural galego, non ten a culpa das prácticas gandeiras e tampouco da "burocracia dirixida desde San Caetano".

Lobo morto con lazo no Barbanza
Lobo morto con lazo no Barbanza | Fonte: Axena

O ACONTECIDO HAI SETE ANOS

Así, lembra que no 2011 e 2012 no Barbanza, coa escusa da suposta  hibridación entre lobos e cans autorizáronse oficialmente batidas co fin de salvagardar a pureza xenética do lobo ibérico. A indiferenza da administración galega polo problema na comarca do Barbanza, provocou que nesas datas se atoparan máis de 25 lazos de aceiro  corredizo nunha leira de  Mosquete en Boiro, con polo menos 1 lobo e outro cánido mortos polos lazos e rematados posteriormente a tiros, e outros tantos cánidos máis mortos nos arredores.

"Houbo furtivos detidos polas autoridades, houbo lobos decapitados nas batidas, e un longo conxunto de toda unha serie de irregularidades e descontrol de tal magnitude que o propio Director da Natureza da Xunta de Galicia naqueles momentos tivo que dar explicacións no Parlamento e entrevistas directas nos medios", lembra. E tivo que recoñecer que as batidas aos lobos foron inxustificables nun dos episodios máis negros do medioambiente da comarca.

Sete anos despois, para un sector a culpa de todo segue sendo do lobo e o mellor é matalo. "Xa viñamos advertindo publicamente para que tomasen as medidas oportunas sobre furtivos e criminais ambientais fai menos dun ano e que terminaron en 2 detencións e 2 investigados por colocación de lazos hai tan só dous meses (aquí), e cans de cazadores mortos na zona por comer carne posiblemente envelenada", denuncia.

"CUATREIROS"

Así, lembra que non hai moito un grupo de gandeiros botaballe a culpa ao lobo de ataques ás reses en Baroña (Porto do Son). "Con todo eran lobos de dúas patas xa que se demostrou que eran  cuatreiros que usaban cans de presa para roubar as reses", denuncia a entidade que critica tamén que se lle bote a culpa ao lobo "das  carnicerías ilegais e clandestinas salpicadas por toda a serra que venden carne sen control sanitario na zona". E que semella que de todos os grandes problemas no monte o lobo é o responsable.  

"O lobo é o elemento máis fráxil do problema. E sempre se carga contra o máis débil. Seica non sería máis sensato definir novas estratexias gandeiras adaptadas ás condicións das serras atlánticas galegas? Seica non sería máis razoable estudar de que maneira mellorar os protocolos de axudas por parte das administracións se non fosen eficaces?", apunta esta entidade que suliña que "matar o lobo non é a solución a todos os problemas".

Lobo abatido en Coristanco
Lobo abatido en Coristanco | Fonte: Axentes Forestais
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta