Por Aurélio Lopes | | 03/09/2011
Agora ben, cando quen esixen a reforma constitucional non son os movimentos soberanistas e independentistas, nen as esquerdas reais dos distintos territorios baixo xurisdición española, senón o núcleo duro da plutocracia que goberna a UE, a soberbia das autoridades españolas vira nunha submisión absoluta. Neste escenario, o credo made in Germany da redución do déficit e o recorte do gasto público como saída á crise económica capitalista convérsese, para os chovinistas españois, na súa suprema norma constitucional.
Consagrar por lei teitos de gasto infranqueábeis nun país que precisa con urxencia investimento social como Galiza, é sacrificar a política no altar do mercado, é valeirar a cativa marxe de planificación das administracións existentes e evidenciar que o actual Estado de las Autonomías é un edificio que ameaza ruina inminente. Neste escenario, a oligarquía española hai tempo que decidiu que a folla de ruta1 que a guía nesta crise é a concentración extrema do Capital, a recentralización político-administrativa do Estado e a aplicación de novas medidas na explotación do Traballo xunto coa minimización do gasto social.
Este contexto parcialmente novo supón un xerro de agua fría sobre as expectativas inxenuas ou pusilánimes das estratexias nacionalistas que, como a impulsionada pola dirección do BNG, xogaron á carta do crecemento continuado do teito competencial dentro do actual marco xurídico-político. Hoxe, este imaxinario soberanismo progresivo, que aínda se vende como proba de realismo e pragmatismo, fica espido cando bate de fuciños co muro constitucional, porque as leis da economía, a vontade política dos poderes fácticos que se visualiza en sentenzas antidemocráticas como a do Estatut e a correlación de forzas institucionais e sociais imposibilitan calquera desenvolvemento significativo do estatutismo.
É pois tempo de revisar esquemas inúteis. Tempo de admitir en toda a súa extensión a idea de que a vía estatutaria é un camiño sen saída para Galiza e a maioría social deste País. Garantir a viabilidade do noso proxecto nacional esixe asumir esta premisa sen ambigüidades e traballar por un novo estatus de soberanía política. Esta é a responsabilidade histórica a cumprir por independentistas e soberanistas galegos e galegas: executar un proceso de acumulación de forzas sociais, sindicais e políticas soberanistas e construir o movimento sociopolítico que nos permita avanzar cara ese novo marco de democracia e soberanía.
Por último, fraco sería o papel histórico de algúns autodenominados nacionalistas galegos se, cando os poderes fácticos españois se aprestan sen pudor a executar a súa axenda oculta, tivesen como única alternativa xestionar, desde o acatamento da legalidade vixente, as institucións autonómicas xurdidas da Constitución española de 1978 -eso si, agora, con Estatuto de Nación-, aparecendo como últimos valedores dun invento para o que a Gran Coalición Española xa planifica a súa demolición.