Villares carga contra Gonzalo Caballero: "É un sumiso e un delegado de Sánchez en Galicia"

O portavoz de En Marea avanza que a súa formación non apoiará os PG "independentemente do que faga Unidos Podemos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2019 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, insistiu este luns en que, a día de hoxe e se non se producen cambios nos investimentos previstos para Galicia, os deputados en Madrid da confluencia votarán en contra dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) "independentemente do que faga Unidos Podemos".

Nunha rolda de prensa celebrada en Lugo, Villares cargou contra a actitude do líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, quen o pasado domingo criticou a En Marea pola súa postura de rexeitamento ao anteproxecto de PGE presentado polo Goberno central.

Villares referiuse a as palabras de Caballero, ao que acusa de actuar como "delegado" de Pedro Sánchez en Galicia e de "vestirse" co "traxe de sumiso, de 'caladiño', que colgou Feijóo" tras o cambio de Goberno en Madrid.

"Ese traxe de delegado do goberno que colgou Feijóo recólleo Caballero para seguir os ditados que lle marca o goberno de España", indicou o portavoz de En Marea, que mantén a súa postura de votar non ao PGE se non leva a cabo "un cambio substancial na política de investimentos con Galicia". "Isto ten que quedar moi claro", apostilou.

CORREDOR ATLÁNTICO FERROVIARIO

Á súa vez, na comparecencia celebrada na sede de Lugonovo (marca de En Marea no Concello de Lugo), o maxistrado referiuse ao Corredor Atlántico Ferroviario, e a "foto tan absurda" que, para Villares, protagonizou este luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto cos seus homólogos asturiano --Javier Fernández-- e castellanoleonés --Juan Vicente Herrera--.

"Unha foto tan absurda como a propia Cidade da Cultura, unha foto que non vai valer para nada", afeou Villares quen, sobre o Corredor Atlántico, subliñou a necesidade de que se realicen "dous estudos" polo Ministerio de Fomento para o saída sur de Vigo e o tramo Os Peares-Cadaval".

"Nin un nin o outro están licitados. Quen ten competencia é Fomento, pero a Xunta podería tomar un acordo de goberno instando a Fomento a realizar estes estudos, que son o paso previo para desenvolver o Corredor Atlántico Ferroviario", puntualizou. Villares remarcou que "precisamente disto poderían estar a falar o tres presidentes do noroeste, nesa foto inútil da Cidade da Cultura".

Ademais, tamén avanzou que reclamará á Xunta "o desenvolvemento completo do porto seco de Monforte", "imprescindible" para o devandito corredor, e que executen as partidas que xa estaban prevista o ano pasado" que eran de 750.000 euros para a dita infraestrutura.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, na rolda de prensa. EN MAREA
O portavoz de En Marea, Luís Villares, na rolda de prensa. EN MAREA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

En resumo : PPdeG + BNG + EnMarea = votan xuntos contra os orzamentos do PSOE ! E ao día seguinte levaranse as mans á cabeza... por darlle o Goberno de España ao Partido Popular + Ciudadanos + Vox ! Sonche moi intelixentes, claro, que a eles nin lles vai nin lles vén... ata 2020 teñen o soldo asegurado! Logo xa veremos...