Premio da Asociación Americana de Psicoloxía a un traballo de científicos galegos sobre o borrado dos recordos do medo

GC avanzou en abril de 2018 os resultados da investigación, realizada por investigadores do grupo de Procesos Cognitivos e Conduta da Universidade de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/01/2019 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

A Asociación Americana de Psicoloxía acaba de conceder o seu premio ao Mellor Artigo de 2018 publicado en Behavioral Neuroscience a un traballo asinado polos investigadores do grupo de Procesos Cognitivos e Conduta da Universidade de Santiago (USC), José Fernández Rey e Jaime Redondo Lago, xunto con Daniel González. Recoñecido co premio DG Marquis Behavioral Neuroscience, o traballo titulase ‘Preventing the return of fear memories with postretrieval extinction: a human study using a burst of white noise as an aversive stimulus’. 

'Pesadelo em Elm Street', un clásico do filme do terror no que se expoñen algúns dos medos máis profundos e primarios do ser humano.
'Pesadelo em Elm Street', un clásico do filme do terror no que se expoñen algúns dos medos máis profundos e primarios do ser humano.

Os resultados deste traballo foron avanzados hai case un ano por Galicia Confidencial nunha ampla e detallada reportaxe sobre como modificar os recordos de medo en humanos nun só día.

Tradicionalmente sostense que os recordos de medo, unha vez consolidados na memoria a longo prazo, son inalterables, estables e insensibles á interrupción. O traballo dos investigadores da USC suxire agora que a extinción post-recuperación podería ser unha técnica condutual efectiva para modificar a memoria orixinal de medo respecto dun determinado acontecemento e evitar o seu retorno. “Aínda é necesaria máis investigación”, aclaran os profesores José Fernández Rey e Jaime Redondo Lago, pero “se estes resultados se confirman, poderían ser relevantes para a súa aplicación clínica no tratamento dos trastornos emocionais, incluídos os de ansiedade, estres postraumático e a adición” engaden.

No traballo premiado pola Asociación Americana de Psicoloxía, os investigadores usan un novo paradigma de extinción pos-recuperación, desenvolvido en roedores e trasladado recentemente a humanos, para investigar o fenómenos de reconsolidación dos recordos do medo. Este fenómeno, explican os investigadores, reflicte o feito de que “as pegadas de memoria estables e consolidadas fanse vulnerables e susceptibles de modificación cada vez que se recuperan ou reactivan, volvendo posteriormente a un estado fixo e estable unha vez modificadas”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta