O PPdeG condena a colaboración de Franco co nazismo e o fascismo para "exterminar" republicanos

Os populares apoiaron unha declaración conxunta con En Marea, PSdeG e BNG sobre o Holocausto que insta á Xunta a traballar "contra posibles brotes de racismo, xenofobia, antisemitismo e outras discriminacións"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/01/2019 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia emitiu este mércores unha declaración institucional asinada por todos os grupos do Lexislativo (PPdeG, En Marea, PSdeG e BNG) na que se condena o Holocausto e a "colaboración" da ditadura franquista co nazismo alemán e o fascismo italiano, ao deportar "a máis de 10.000 republicanos españois" que terminaron nos campos de concentración.

O presidente do Pazo do Hórreo, Miguel Ángel Santalices, foi o encargado de ler este texto escrito con motivo do día internacional de conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto --entre as que se contan tamén galegos--, que foi fixada o 27 de xaneiro pola Asemblea Xeral da ONU en 2005.

Así, o Parlamento autonómico tacha a este feito histórico como un "programa de persecución, encarceramento e exterminio" levado a cabo polo nazismo "que asasinou a máis de seis millóns de persoas".

"Tivo a súa orixe no intento de eliminación da disidencia política de e ideolóxica e derivou nun xenocidio que contou coa colaboración da ditadura franquista e que perseguiu a miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en 1939 e tras a instauración dun réxime fascista", relata a declaración institucional.

Por todo iso, a Cámara galega lembra "aos máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano".

CASE 200 GALEGOS NOS CAMPOS

Ademais, cifra en case 200 as persoas orixinarias de Galicia que "morreron alí ou foron liberados", aínda que "nunca puideron regresar, porque a ditadura franquista, que lles retirou previamente a nacionalidade, negoulles o dereito a regresar ao seu país de orixe".

"Por todo isto, o Parlamento de Galicia fai súa a declaración da Asemblea Xeral das Nacións Unidas na que se rexeitou toda negación, xa sexa parcial ou total, do Holocausto como feito histórico. E condenou sen reservas, condena que tamén este Parlamento fai súa", prosegue.

Así as cousas, o Lexislaitvo autonómico insta á Xunta a traballar "contra os posibles brotes de racismo, xenofobia, antisemitismo e outras discriminacións baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, e aos cidadáns e ás súas organizacións a permanecer vixiantes para que nunca máis" ocorra algo semellante.

Pancarta feita polos republicanos españois no campo de concentración de Mautahusen
Pancarta feita polos republicanos españois no campo de concentración de Mautahusen

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta