Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2019 | Actualizada ás 15:10
O BNG presentou os primeiros 15 nomes da súa lista ao Concello de Santiago para as eleccións municipais, unha cita coas urnas que, segundo a candidata nacionalista á Alcaldía, Goretti Sanmartín, deparará un "escenario no que non vai haber maiorías absolutas" e, por tanto, o Bloque será "determinante".
Arroupada pola líder do BNG, Ana Pontón; Goretti Sanmartín presentou este xoves na Praza do Obradoiro o primeiro tramo da súa candidatura, unha lista "sólida" que "conxuga mocidade, renovación e experiencia" e na que hai "representación" do tecido asociativo e cultural e dos "diferentes barrios e parroquias" de Santiago.
A candidata nacionalista á Alcaldía da capital galega definiu a súa lista —na que non figura o candidato nas dúas últimas eleccións, Rubén Cela— como "un grupo de persoas con capacidade de traballo e de xestión" que aposta por "a xente nova" e "polas mulleres" para traballar "por facer propostas audaces, transformadoras e proactivas".
"A cidade necesita un liderado forte, ese é o obxectivo que nos marcamos", indicou a líder frontista, Ana Pontón, quen asegurou que Compostela "quere deixar atrás estes anos de deriva" e "transformar a desilusión en ganas de traballar".
Pontón fixou como "retos" para a capital galega "deixar atrás o modelo dos coches", "apoiar o pequeno comercio", lograr "máis benestar" para os veciños, facer da cultura "un eixo vertebredor", configurar un modelo de turismo "sustentable" e "mellorar a vida" nos barrios composteláns, "que foron os grandes esquecidos nos últimos anos".
"DETERMINANTES"
Goretti Sanmartín vaticinou que o resultado das eleccións en Santiago de Compostela deparará "un escenario" no que non haberá maiorías absolutas, polo que augurou que o BNG será "determinante".
Neste contexto, a tamén vicepresidenta da Deputación da Coruña resaltou que o "carácter dialogante" está no "ADN" do Bloque, unha formación que "cando tivo máis presenza no concello foi cando mellor lle foi á cidade".
LISTA ELECTORAL
A número dous da lista ao Concello de Santiago é para Navia Rivas, doctoranda en Lóxica e Filosofía da USC e membro do Consello Nacional do BNG. Séguenlle no primeiros cinco postos Lois Calvelo, activista cultural e ligado ao barrio do Castiñeiro; Pilar Lueiro, docente de secundaria e expresidenta da asociación 'Eu de Sar de Toda a Vida'; e Xosé Quintáns, profesor da Escola de Hostalaría e presidente da Asociación de Veciños da parroquia de Figueiras.
No posto seis figura Esther Martínez —representante da CIG na xunta de persoal da USC—; Henrique González —comerciante— no sétimo; o oitavo é para Margarita Ledo —escritora, cineasta e catedrática de Comunicación Audiovisual—; o noveno para Salvador Martí —hostaleiro—; e o décimo para Lucía Carreira —presidenta da asociación cultural Solfa do barrio das Fontiñas—.
Completan a lista do BNG ata o número 15 Fins Eirexas —delegado sindical da CIG e membro da asociación ecoloxista Adega—, Isabelle Kerdudo —profesora de francés na EOI—, Xesús Domínguez —exportavoz da coordinadora de Plataformas estafados polas preferentes—; Helena Maio —sindicalista— e Alexandre Garrido --activista LGTBI--.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.