Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/02/2019 | Actualizada ás 13:46
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, está de visita oficial en Miami (Estados Unidos), onde tenta vender os atractivos de Galicia para atraer investimentos e ampliar relacións comerciais con esta cidade, na que o censo di que residen máis de 8.000 galegos. Na súa axenda incluíu unha entrevista para o medio local hispano AméricaTevé, propiedade do galego Carlos Vasallo.
Na entrevista, de 40 minutos, Feijóo, desatado, comeza forte: "Miami y Galicia tienen cosas parecidas". Ao escoitalo, custa non pensar nos memes que circularon polas redes sociais sobre a súa relación co narcotraficante Marcial Dorado e comparacións que se fixeron coa popular serie de televisión da década de 1980 'Miami Vice', sobre a loita contra o narcotráfico, a corrupción...
Máis aló das chanzas, custa comparar unha das cidades máis famosas, cosmopolitas e dinámicas do mundo con Galicia. A área metropolitana de Miami dobra a poboación de toda Galicia e é un dos principais centros financeiros da primeira potencia mundial, Estados Unidos. Pero para Feijóo, Galicia ten semellanzas con Miami.
"Miami es la puerta de entrada de América del Norte y de Latinoamérica, y Galicia es la puerta de entrada de Europa", xustificou o mandatario galego. Até aí as semellanzas atopadas por Feijóo, que pasou a agradecer a acollida que recibiron os alegos emigrados nesta cidade e noutras partes do mundo.
Non dubidou Feijóo en dicir que "junto a los judíos y los irlandeses, los gallegos somos el tercer gran pueblo global". Tampouco en agradecer a Miami a acollida que deu a "muchos cubanos de origen gallego".
Na parte económica, Feijóo expresou a súa intención de establecer vínculos co afamado sector dos cruceiros de Miami, algo que xa llo fixo saber ás autoridades portuarias desta cidade. Pero o presidente da Xunta tamén quere que Galicia constrúa "hoteles, residencias y hospitales" en Miami.
Para o mandatario galego existen "motivos emotivos, económicos y culturales" para estreitar lazos entre Miami e Galicia.
Non tivo tampouco rubor en dicir que Galicia é "la segunda o tercera economía de España que más exporta". Pero os datos contradín a Feijóo, xa que o noso país ocupa, segundo os datos oficiais, o sexto posto, por detrás de Cataluña, Madrid, Andalucía, Comunidade Valenciana e País Vasco. O presidente non soubo explicarse. No que ocupa o segundo posto Galicia é no balance entre exportacións e importacións, tendo o segundo mellor superávit comercial, só por detrás do País Vasco, o que non quere dicir que sexamos os que máis exportamos.
Feijóo tamén vendeu a gastronomía galega como un dos principais atractivos turísticos de Galicia: "Garantizamos que es el mejor lugar de Europa para comer". E para atraer turistas, non desbota impulsar unha liña de voos directos entre Miami e Galicia, aínda que non especificou a que aeroporto.
LINGUA E ORIXE CELTA
Preguntado pola situación da lingua galega, Feijóo soltouse como poucas veces fai: "Algunos filólogos acreditan que el gallego es el origen del castellano" e "del portugués". De feito, tamén remarcou que é "un idioma de la lusofonía" que "nos comunica con unos 270 millones de lusófonos en el mundo".
E proseguiu: "El gallego es un idioma propio distinto del portugués y al español, pero de la misma matriz, del mismo origen". E aí pasou ao seu xa recorrido "bilingüismo cordial": "En Galicia practicamos un bilingüismo cordial; la gente habla en español y en gallego, y lo hablamos indistintamente, y si alguien te habla en gallego pues tú le contestas en gallego, pero en otra conversación podemos volver a hablar en español... En la escuela aprendemos los dos idiomas".
"El problema de los gallegos no es saber español o saber gallego, el problema nuestro es saber inglés. Por lo tanto, nuestro objetivo es mantener el gallego, porque es una señal de cultura, hay pocos pueblos en el mundo que hayan mantenido vivo su idioma siendo un pueblo pequeño como el nuestro", argumentou para matizar: "Pero no somos dogmáticos".
Na conversa tamén emerxeu a cuestión da orixe celta de Galicia, que Feijóo levou ao terreo musical: "Nuestra música tradicional es de raíces celta. [...] Es evidente que tenemos una raíz musical celta y tenemos excelentes gaiteiros. [...] Estamos ahí, dentro del mundo celta".
Segundo Feijóo, as rutas marítimas permitiron crear historicamente "lazos culturales con el mundo británico, con el mundo celta, con el mundo irlandés... desde hace siglos".
DESPOBOACIÓN
Preguntado sobre a crise demográfica de Galicia, Feijóo recurriu a explicar este fenómeno polas dúas guerras mundiais do século XX e a Guerra Civil española, os problemas de comunicación coa meseta e a orografía galega, o cal, para o presidente da Xunta, provocou que "vivimos aislados durante mucho tiempo", o que levou a que tivésemos "una economía muy doméstica, muy rural" e, segundo Feijóo, isto tivo unha vantaxe: "Nunca pasamos hambre".
Tras isto, aseverou que los gallegos "hemos vividos aislados, hemos salido y no hemos vuelto", en mención aos emigrantes.
Ningunha mención á emigración actual causada pola falta de oportunidades para os mozos. Segundo Feijóo, "Europa es un continente envejecido" e a natalidade está en mínimos. É na esperanza de vida e a baixa natalidade no que o presidente xustifica a despoboación de Galicia.
VENEZUELA E CUBA
Outro dos bloques da entrevista centrouse na actual e dramática situación de Venezuela. Ao respecto, Feijóo cualificou os actuais gobernantes dese país, co chavista Nicolás Maduro á cabeza, como un grupo "elitista" que manda sobre Venezuela como se fose o seu "cortijo". Para o mandatario galego, trátase dun "problema de miseria moral y ética" do Goberno venezolano e pediu un "periodo de transición breve" para que se convoquen eleccións e "se acabe con la pesadilla de los gobiernos chavistas".
Feijóo defendeu tamén o "papel fundamental" neste proceso do Goberno ultradereitista que lidera o magnate e populista Donald Trump en Estados Unidos.
Sobre Cuba, o presidente da Xunta resumiu que Manuel Fraga, nado na illa caribeña, foi un referente para el, xa que "nos enseñó a querer a Cuba", cunha visión "galaica" dese país, fronte a perspectiva "castellana", "por razones de familia", enxalzando os vínculos entre Cuba e a emigración galega.
De Fraga tamén dixo que foi "el ministro de Franco más aperturista" e "clave" na Transición, e xustificou a estreita relación de amizade do fundador do PP con Fidel Castro, porque Fraga "sabía que había que hablar". Todo o contrario do que defende no caso das relacións entre o Goberno central que lidera o socialista Pedro Sánchez e os independentistas cataláns. De feito, Feijóo mudou a súa axenda para participar na manifestación contra Pedro Sánchez o vindeiro domingo en Madrid por establecer unha figura dun relator para as conversas Estado-Cataluña. O diálogo é bo ou malo, segundo conveña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.