Por Óscar Lomba | Vigo | 27/09/2011
Refírome, por suposto, á aprobación da reforma constitucional e tamén a confirmación ou validación do amplo paquete de medidas anticrise, todas elas con tinguiduras ultraliberais. Ese apoio do PP, en palabras de Josu Erkoreka (portavoz do PNV no Congreso), foi “a teórica oposición frontal e desapiadada ao Executivo” que “fixo posible, por si só, a confirmación do 90 por cento dos reais decretos lei”.
Entendo que o carreiro elixido para a reforma constitucional resulta intensamente antidemocrático. É ilóxico, incongruente e inaceptable que unha norma de importancia capital se modifique por un acordo entre ambos os dous grandes partidos políticos e por un procedemento de urxencia. Esta urxencia non se manifestou nos últimos trinta anos para eliminar a constitucionalidade da pena de morte, para recoñecer o carácter plurinacional do Estado español ou para cambiar o modelo de Xefatura do Estado e pasar dun sistema monárquico a un Estado republicano.
Neste sentido, acho que se debería someter a reforma a un referendo. Esixir un referendo supón pór ao alcance da cidadanía a posibilidade de pronunciarse sobre unha decisión transcendental, pór unha forte delimitación e control popular á arbitrariedade dos partidos maioritarios e propiciar un debate social que unicamente pode ter efectos positivos. Porén, a esixencia dun referendo debería estar asociada a unha estratexia que sirva para empuxar á cidadanía á participación e mobilización social. Hai que mobilizarse, organizar debates cidadáns, saír ás prazas e rúas de todas as cidades do Estado español e alzar a voz contra esta conspiración orquestrada polos mercados coa complicidade dunha parte moi substancial da clase política. Como afirma José Luís Moreno Pestana (profesor de filosofía da UCA): “O Estado pode intervir na economía para algo máis que reflotar o capital ou crear mercado onde antes había Estado (pois o neoliberalismo é moi intervencionista... pero a favor da creación de mercados), que os funcionarios están nun lugar porque demostraron certas competencias, que as políticas públicas deben nacer dunha deliberación colectiva que respecte ás minorías -para iso, precisamente, serven as constitucións, para evitar derívalas totalitarias das maiorías- pero asumindo a opinión maioritaria, deberían defender o campo de xogo aberto pola nosa constitución, por moito que atopen de insatisfactorio na mesma. Por definición, unicamente nos delirios dun demagogo pode haber unha norma compartida que satisfaga a todo o mundo, sempre, e en calquera conxuntura. De feito, este episodio mostra, precisamente, que os nosos deputados son inconstitucionais segundo vailles... aos mercados”.
Para terminar dicir que un goberno verdadeiramente socialista non debería dedicar todos os seus esforzos á defensa dos intereses dos sectores dominantes, non conviría que ningún goberno -especialmente se se di de esquerdas- se encartase perante as esixencias dos mercados. Con todo o Goberno de Zapatero agora e o de Rajoy despois parece que seguirán lexislando para permitir unha “suposta recapitalización” de empresas e bancos en base aos recursos da inmensa maioría. En definitiva, o pagamento desas débedas vaise facer a custa de peores condicións laborais, diminuíndo o gasto público ou o investimento social e permitindo un incremento escandaloso da cifra de desempregados e un retroceso desvergoñado das condicións de vida dos sectores máis humildes.