Se esta fenda entre persoas e barrios continúa medrando, cada vez será máis difícil facer realidade o soño dun Vigo humanizado, integrador e cohesionado, que sexa exemplo para o resto de cidades do Estado español e Europa.
O Goberno do PSOE liderado por Abel Caballero ten unha parte importante de responsabilidade nesta deriva cara a unha cidade de cartón-pedra onde importa máis o formigón que as persoas. Ao meu xuízo Caballero non ten un proxecto propio de cidade e favoreceu os intereses privados que pouco teñen que ver co ben común. Nos últimos anos, en realidade, o Goberno de Abel Caballero desenvolveu unha política municipal baseada nunha idea deformada do que debe ser a política desenvolvida polo goberno dunha corporación democrática. Abel Caballero entende o poder municipal non como un instrumento para mellorar a calidade de vida dos habitantes de Vigo e transformar a cidade, senón como unha ferramenta ao servizo dun grupo de partidarios incondicionais da camarilla que controla o aparello do partido. O suposto manexo e mal uso dos recursos públicos para asegurar adhesións indelébeis, presuntas contratacións arbitrarias e outras tantas irregularidades converterían o espazo municipal de Vigo nun procreo turbio. Caballero puido consolidar o apoio electoral grazas á unha gran cantidade de fondos utilizados no simple embelecemento parcial da cidade e no uso sistemático dos medios de comunicación afíns.
Vigo Pode, Marea de Vigo e todas as demais forzas políticas aliadas deben converterse no ariete que desenvolva unha acción de oposición contundente que xere unha ilusión renovada e favoreza unha dinamización das forzas do cambio. É necesario deseñar un programa de goberno ambicioso e á vez factíbel, que deberiamos poñer en marcha coa participación da cidadanía, durante o primeiro ano de mandato, se alcanzamos a alcaldía da cidade.
Ao meu xuízo urxe lanzar varias liñas prioritarias de acción que procurarían situar a loita contra a desigualdade, o desemprego e a mercantilización da cidade olivica no centro das nosas prioridades e un novo contrato social coa cidadanía viguesa. En paralelo a este Plan de choque, Vigo Pode e Marea de Vigo deben traballar por un programa máis amplo que, de contado, debería abrirse á participación e validación cidadá.
Este plan tería que comprometerse con toda a poboación de todos os barrios da nosa cidade. Porén, tería que priorizar ás persoas e barrios máis vulnerábeis e desprezados, que son os que máis sofren a crise e os recortes, e que non deixaron de organizarse para facerlles fronte.
O noso proxecto político debería arrincar dun proceso de elaboración e traballo compartido coas diferentes entidades e plataformas veciñais e cidadás, así como con técnicos e colectivos profesionais da cidade e de Marea de Vigo.
Para iso propoño auditar as contas municipais e recortar gastos, subvencións e privilexios innecesarios e tamén apostar por unha fiscalidade social e ambientalmente xusta.
Vigo ten recursos de abondo para facer fronte ás desigualdades e capacidade para converterse nunha referencia do que significa vivir ben, en común, con respecto polos demais e pola contorna. Para aproveitalos, debemos artellar un goberno valente e críbel, capaz de facer fronte aos grupos de poder que antepoñen os seus intereses particulares aos da maioría social e facer valer a intelixencia colectiva da xente e dos barrios.
Opino que o programa que Vigo Pode e Marea de Vigo debería propoñer catro liñas de acción básicas:
1) crear emprego digno, diversificando o modelo produtivo vigués;
2) garantir dereitos sociais básicos;
3) revisar privatizacións, concesións e proxectos contrarios ao ben común;
4) auditar a institución municipal e todas as concesionarias para acabar cos privilexios.