Por Galicia Confidencial | Lugo | 13/02/2019 | Actualizada ás 14:10
O Grupo Provincial do PP de Lugo denunciou un caso de "enchufismo" na Deputación ao "colocar" á exdeputada provincial Sonia Méndez, que foi primeira tenente de alcalde de Lugo baixo os mandatos de Xosé Lopez Orozco, como "técnica de administración xeral con data de 1 de febreiro de 2019".
Nun comunicado, os populares critican que os socialistas "dan continuidade á axencia de colocación de amigos que tiña Besteiro e que Campos está a perpetuar" na Deputación de Lugo coa incorporación de quen "foi a man dereita de Orozco no Concello".
Esta denuncia chega despois da realizada o martes polos populares de que a Deputación "multiplica" o soldo dun membro da executiva local do PSOE ao serlle atribuídas "temporalmente as funcións de celador-responsable coordinador da Terceira Zona".
En resposta, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, reprochou aos populares "facer unha campaña sucia", "unha guerra sucia". Sobre o caso de Méndez, Campos deixa claro que "leva aquí máis de seis meses e hai dez persoas na súa mesma situación". "Houbo un proceso selectivo e non se mira a condición persoal nin política de ninguén", sentenza. "Supoño que dentro dos seleccionados haberaos que voten ao PP, ao PSOE ou ao BNG. Son procesos selectivos abertos e transparentes", resolveu.
Darío Campos vincula esta "caza de bruxas" do PP cos problemas "internos" dos populares. "Dalgunha forma teñen que embarrar o terreo de xogo, que é algo ao que estamos afeitos", reprocha.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.