Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2019 | Actualizada ás 13:05
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña convidou os galegos a que acudan o vindeiro domingo, 24 de febreiro, á "capital mundial do cocido" para celebrar unha nova edición deste evento gastronómico de interese turístico nacional. Prevese que se acheguen á localidade uns 60.000 visitantes.
Na mañá deste sábado, Cuíña, acompañado polo concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, presentou en Santiago de Compostela a 51ª edición da Feira do Cocido. A unha semana do "día grande" , esperan que "miles de visitantes" se acheguen á capital do Deza para degustar o cocido.
Na Praza de Abastos, o rexedor lalinés convidou os cidadáns composteláns que se atopaban facendo a compra a que degustasen unha tapa do cocido, e animounos a ir durante estes días a Lalín.
En declaracións aos medios de comunicación, Cuíña explicou que este ano cambiaron a forma de difusión da festa, con visitas ás prazas de abastos de varias localidades galegas, así como con percorridos polo norte de Portugal e polo Bierzo. Neste sentido, comentou que traballan na "internacionalización" da festa, e asegurou que "é un modelo que está a gustar", xa que "as tapas duran pouco encima da mesa".
Cuíña agradeceu aos galegos que foron a Lalín a comer o cocido durante toda a tempada e convidounos a volver o domingo 24. "Esperamos miles de visitantes na capital mundial do cocido", incidiu.
ACOLLIDA POSITIVA
Pola súa banda, o concelleiro de Turismo de Lalín, Francisco Vilariño, valorou a acollida "moi positivamente" e afirmou que se trata dunha "proposta nova, que aposta pola calidade, por pór en valor os restauradores e o produto". "Temos unha base asentada que fai que a feira sexa un éxito", remarcou.
A continuación sinalou que "é unha alegría para o goberno" e destacou que están "no mellor dos momentos da feira", algo "moi importante en termos económicos".
Vilariño e Cuíña comentaron que "as previsións de tempo son boas", o cal lles "axudará", e expresaron o seu desexo de "ter unha das feiras con máis afluencia de público e de visitas".
O alcalde declarou que "o que di a experiencia é que se hai bo tempo haberá arredor das 60.000 persoas e se chove, 40.000". "Estamos moi agradecidos pola asistencia masiva", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.