Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/02/2019 | Actualizada ás 19:26
A situación en Galicia da couza guatemalteca, que ataca á pataca, “evoluciona favorablemente”, segundo un informe da Xunta. De feito, o goberno galego destaca que así o constataron os técnicos da Comisión Europea enviados a España en setembro para realizar unha auditoría sobre as medidas postas en marcha para loitar contra a couza.
No informe emitido, segundo a Xunta “os expertos sinalaron que non é preciso facer ningunha recomendación xa que as medidas de control que se están levando a cabo son adecuadas de cara á erradicación da Tecia Solanivora”.
A inspección da UE non se limitou ao traballo administrativo, senón que realizou visitas sobre o terreo a zonas afectadas e incluso á planta de Gesuga, en Cerceda, onde se destruían os tubérculos. Tamén mantivo encontros cos representantes da IXP Pataca de Galicia e co Seprona, para coñecer o sistema de control nas estradas, nas feiras, nos mercados e en posibles terreos onde estaba prohibido o cultivo.
En concreto, o equipo inspector pasou ata unha semana en Galicia e visitou parcelas e almacéns de zonas infestadas, da zona tampón e áreas libres da praga. Desta inspección, os delegados transmitiron a súa satisfacción polos labores desenvolvidos en todos os ámbitos desde Galicia.
Toda esta información foi avaliada na mesa de seguimento da couza da pataca, que se reuniu por última vez en decembro, co obxectivo de acordar accións e manter informadas as administracións implicadas, así como á indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.
A Consellería do Medio Rural lembra que se mantén a prohibición de plantar pataca nos 33 municipios afectados pola couza, tal e como se lles comunicou aos concellos a través dunha misiva, e tamén fai un chamamento a evitar o movemento de pataca a granel nas zonas tampón. “O obxectivo é rematar canto antes coa presenza deste insecto na nosa comunidade e chegar á erradicación deste organismo”, apunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.