Por E.P. | A CORUÑA | 22/02/2019 | Actualizada ás 15:22
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, comprometeuse cos traballadores da planta de Isowat na Coruña a "impulsar" unha reunión co Ministerio de Industria, a Xunta e os posibles investidores. Fíxoo durante un encontro cos representantes do persoal, aos que recibiu tras a concentración que protagonizaron os traballadores ante a Delegación do Goberno.
Sobre a situación da planta coruñesa, o delegado do Goberno sinalou que o Executivo segue con "interese" a situación de Isowat e que tamén "traballa nas posibilidades dunha empresa en concurso", lembrou.
"O Ministerio de Industria está a tentar facilitar a procura dunha saída con mantemento da actividade e do máximo emprego, faino xunto á Seguridade Social e Facenda", subliñou.
No entanto, remarcou que "a máxima competencia tena a Xunta de Galicia, que ten competencias industriais e de traballo", aínda que apostilou que o Executivo central quere "cooperar" para alcanzar unha solución.
Nese sentido, o delegado do Goberno detallou que o persoal lle pediu unha reunión coa Xunta, o Ministerio de Industria e os posibles investidores. "Díxenlles que pomos en marcha esa petición", avanzou.
Outro asunto que considerou "prioritario" é a percepción dos salarios a través de Fogasa, o Fondo de Garantía Salarial, un aspecto que tamén se comprometeu a impulsar desde a Delegación do Goberno.
A pesar de insistir en que a situación de Isowat é complicada, con acredores e decisións xudiciais", apelou á procura dun investidor que estea disposto a seguir coa actividade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.