Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/02/2019 | Actualizada ás 13:23
O arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, manifestou a súa disposición a "aplicar a normativa" exposta polo Papa Francisco tras o Cumio antipederastia que se celebrou no Vaticano, para "resolver xa" o problema dos abusos a menores na Igrexa, que cualifica como "moi desagradable para todos".
"Púxose de manifesto a gran preocupación do Papa por unha realidade que certamente para todos nós é moi desagradable, e esperamos que xa se poida resolver aplicando esa normativa na medida das nosas posibilidades", afirmou Barrio en declaracións a Europa Press, preguntado polas indicacións que deu o Papa no marco do Cumio.
Así se pronunciou o arcebispo de Santiago este martes 26 de febreiro antes de entrar á reunión dos bispos da Comisión Permanente, que se celebra ata este mércores 27 de febreiro na sede da Conferencia Episcopal Española (CEE), en Madrid.
Durante esta reunión, está previsto que o presidente da CEE, o cardeal Ricardo Blázquez, dea conta ante os bispos das conclusións do Cumio antipederastia do Vaticano, na que participou estes días. "Supoño que o presidente nos falará tamén da reunión que tiveron co Santo Pai estes días", avanzaba Barrio antes de entrar á reunión.
Entre as pautas que ofreceu o Papa ao termo do Cumio destacan: dar prioridade ás vítimas en todos os sentidos, levar ante a Xustiza a aqueles que cometeron un delito e ser máis coidadosos na selección e formación dos candidatos ao sacerdocio. "A inhumanidade do fenómeno a escala mundial --dixo o Pontífice-- é aínda máis grave e máis escandalosa na Igrexa, porque contrasta coa súa autoridade moral e a súa credibilidade ética".
Doutra banda, o arcebispo de Santiago tamén explicou que durante a reunión que comeza este martes en Madrid, os bispos abordarán outros asuntos como a nova normativa sobre seminarios, "un tema moi importante", que "se presentará este mércores para pasar despois á Asemblea Plenaria". En concreto, trátase do plan de Formación para os Seminarios maiores de España, sobre o que está a traballar a Comisión Episcopal de Seminarios e Universidade.
Pola súa banda, a Comisión de Apostolado Seglar informará da organización do Congreso de Laicos, que se celebrará en febreiro de 2020. Así mesmo, un dos temas previstos para tratar na reunión --a primeira con Luís Argüello como secretario xeral-- é o proceso de reforma de Estatutos da Conferencia Episcopal Española.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.