Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/02/2019 | Actualizada ás 11:52
O Colexio de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) defende que a súa disciplina contribúe a mellorar o estado físico e anímico durante a evolución dos procesos de catarro e gripe, acelerando o proceso de recuperación destas afeccións estacionais propias do inverno. Así se pon de manifesto no videoconsello deste mes de febreiro da campaña ‘12 meses, 12 consellos de saúde’.
Tal e como explican os fisioterapeutas no videoconsello, durante o trascurso destas enfermidades propias do inverno pódense producir tanto problemas respiratorios (tose, expectoración, conxestión nasal) como tamén doenzas musculares e das articulacións, que poden facer aínda máis pesado un proceso de recuperación que na maioría dos casos adoita durar entre sete e dez días.
Para evitar algunhas destas doenzas derivadas da gripe, o catarro ou a pneumonía, os fisioterapeutas recomendan realizar exercicios respiratorios diafragmáticos e da grella costal, que nos permitan expectorar, controlar a tose e activar e relaxar a musculatura inspiradora e espiradora.
Aconsellan ademais levantarse e camiñar pola casa frecuentemente, para evitar que se incremente a dor nas articulacións. “Durante estes procesos transitorios pasamos moitas horas tombados na cama ou no sofá, polo que movernos, cambiar de postura, e mesmo dar pequenos paseos pola casa, pode axudarnos a evitar a dor de costas, especialmente na zona lumbar”, explican os fisioterapeutas.
Doutra banda, tamén resulta de gran axuda realizar movementos de flexión, extensión e abdución cos brazos, así como co pescozo, alternando rotacións de dereita a esquerda, cara arriba e cara abaixo. Estes exercicios, realizados en series de seis, en secuencias de 30 segundos, durante catro veces ao día, son de gran axuda á hora de evitar outros posibles problemas derivados.
Por último, os fisioterapeutas recomendan reincorporarse de forma progresiva ás actividades habituais e acudir á consulta do fisioterapeuta se persisten as dores de costas ou a dificultade respiratoria, propia destes procesos estaciones, unha vez superados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.