Arrinca sen incidencias unha nova semana de folga dos traballadores de ambulancias en Galicia

A patronal acode a unha nova reunión con mediación tras presentar unha "oferta xenerosa" e sindicatos piden melloras desde a firma do convenio

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2019 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

Este luns arrincou, sen incidencias, o terceiro tramo de folga de traballadores do transporte sanitario en Galicia convocada por UGT, CIG e Comisións Obreiras para reivindicar un novo convenio colectivo.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes da patronal, non constan incidencias entre a madrugada e as primeiras horas da mañá deste luns, xornada na que arrincou unha semana de folga ata o 10 de marzo. Por parte dos sindicatos convocantes manifestaron a Europa Press o seguimento "maioritario" xa que, aseguran, secundan o paro todos os traballadores que non están de servizos mínimos, os cales tachan de "abusivos".

"A xente está con ganas", manifestou Óscar Vázquez de UGT, mentres que Inácio Pavón da CIG subliñou a "capacidade de aguante desde o primeiro día" dos traballadores e advertiu de que "a Xunta e as empresas non poden consumir a folga por desgaste". Así, lembrou que contan cunha "caixa de resistencia" para facer fronte as perdas económicas de compañeiros.

Con motivo do inicio deste terceiro tramo de folga, traballadores da área sanitaria compostelá volveron a concentrarse este luns diante da entrada principal do Hospital Clínico en Santiago baixo a lema 'Por un convenio digno e un servizo público de calidade. Ambulancias en loita'.

Esta mobilización, que tras uns minutos de concentración trasladouse como en ocasións anteriores ata a entrada do servizo de Urxencias, coincide co inicio da terceira quenda de folga convocada, entre o 4 e 10 de marzo, tras o que, en caso de non haber acordo antes, converteríase en indefinida a partir do 20 de marzo.

REUNIÓN

Os empresarios e os sindicatos están citados de novo na tarde deste luns a unha terceira reunión no Consello Galego de Relacións Laborais despois do encontro do pasado 28 de febreiro no que a patronal lles presentou aos traballadores unha oferta. Fontes da patronal destacaron a Europa Press que se trata dunha "oferta xenerosa" que supón un aumento salarial do 18,5 por cento desde novembro deste ano ata 2023.

En concreto, os empresarios ofertaron na reunión da pasada semana un aumento do 3,8% do salario a partir de novembro deste ano; outro incremento do 4,2% a partir de novembro de 2020 e unha terceira paga extra, que se prorratearía en tres anos, que suporá un aumento do 8,5% do salario.

Deste xeito, os empresarios sinalan que os empregados percibirían un 25% en 2021, un 50% en 2022 e o 100% en 2023. Para a patronal "o obxectivo é que unha vez concluído o convenio, os traballadores teñan consolidada nas súas nóminas esa terceira paga extra, percibindo ao cabo do ano un total de 15 pagas", manifestaron.

"CERTO ESCEPTICISMO"

Pola súa banda, os traballadores rexeitan a oferta e reclaman "melloras desde xa". "Levan as melloras aos últimos anos. Non nos vale", lamentou Óscar Vázquez de UXT, que lembra que "non poden" desconvocar a folga "con melloras para os anos 2021, 2022 e 2023".

"Se a proposta non se move e non se conseguen melloras ao asinar o convenio non vai haber acordo", advirten os sindicatos. Nesta liña, lembra a CIG, que acode con "certo escepticismo" ao novo encontro con empresarios", que para parar o conflito "ten que haber subida salarial en todos os anos", incluídos o tres que levan sen convenio; cobrar os atrasos; recuperar a terceira paga extra e regular os contratos en prácticas. "É o mínimo", demandan.

Centenares de traballadores de ambulancias maniféstanse en Santiago --ARQUIVO
Centenares de traballadores de ambulancias maniféstanse en Santiago --ARQUIVO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta