Por Gabriel Rei-Doval | Parque Nacional Yellowstone (Wyoming , USA) | 07/03/2019 | Actualizada ás 12:00
A meca dos parques estadounidenses estaba a conectarme con significados inesperados. Nun universo máis emocional ca físico, a entrada en Yellowstone abrírame á capacidade do lume para aviva-lo fogo interno e tamén á de evitalo de forma silenciosa.
Mais agora era o elemento auga quen chamaba á miña porta. Aínda hoxe non sabería dicir se foi a exposición a músicas telúricas, entrar noutro templo nativoamericano ou o consubstancial misterio da natureza. En principio, cando calquera deles invade o noso ser os efectos poden ser tan alucinantes coma a ayahuasca e o peyote xuntos e cambiar de vez o punto de encaixe das persoas.
O avistamento dos ríos profundos de Yellowstone fora sen dúbida determinante e levara a miña atención a fonduras inesperadas. As augas do parque eran misteriosas e os ríos irradiaban desde o seu cerne en direccións diferentes. Pero o realmente transformador eran os seus géyseres, que interferían na percepción e conduta dos seres a eles expostos.
A auténtica revelación comezou ó chegar a Steamboat Geyser. Alí, semioculta polos vapores volcánicos, xurdiu Makiko e o seu rostro oriental a procurar fotos desde ángulos diversos. Cando rematou tan degoirado labor atrevinme con cautela a pedirlle un retrato vaporoso.
Agora roldando os corenta, Makiko viñera desde Kyoto dúas décadas antes para pescuda-la meditación zen desde o punto de vista dos estudos culturais mentres ensinaba a súa lingua na Universidade de Colorado. Integrada despois no mundo laboral, o seu vigor intelectual ficara neutralizado polas obrigas do ensino intensivo de xaponés nun exclusivo campus de Wyoming. E, co seu pulo investigador adormecido naquel college privado, a súa afouteza académica mudara en rexa procura do control mental zen.
Sentín a súa aceptación inicial, quizais porque o meu ollar cálido non quería cuestiona-la súa intensa mirada cerebral e, se cadra por iso, durante a longa camiñada pola paisaxe arbórea próxima, compartiu a súa paixón pola acupuntura moxa e como esta lle permitía gozar dunha saúde irredutible.
Cando dixo que viñera soa en coche oito horas desde Laramie ata Steamboat Geyser acordoume a intrépida condución desde Steamboat Springs a Denver do outubro anterior no medio dunha retadora tormenta de neve a través do Rabbit Ears Pass. Podía empatizar con Makiko na procura espiritual, mais a confirmación da súa mirada áspera e de previsible contundencia en situacións conflitivas poñíame a distancia.
As nubes do géyser desapareceron no horizonte, parei e olleina. Evitando a miña mirada, dirixiu a vista ó río profundo que se adiviñaba ó lonxe afirmando que as cousas do pasado era mellor enterralas onde habita o esquecemento. Nese momento, escoitamos un bramido como mil dragóns bruando a un tempo. O géyser de Steamboat estaba entrando de novo en erupción.
De alí a un tempo, o vapor volcánico acabou elevándose de novo no horizonte azulado. Relateille a miña dificultade para conter co intelecto os asaltos da vida desatenta. Mais ela practicaba con determinación a disciplina zen para evitar friccións nas placas tectónicas da súa personalidade, o que non impedía que as emocións ameazadas ás veces batesen nela con forza.
O ano 2018 fora especialmente intenso en Yellowstone. A compresión do magma interior fixera aflora-los géyseres, despois de anos de silencio nos que aparentemente nada se movía. A calidez e os aloumiños elevaran os afectos de Steamboat Springs mais o fogo interno espertara a dureza silenciosa do Steamboat Geyser, que non resistira a fricción das placas tectónicas. Os ríos poden ser profundos coma o Yellowstone ou resistentes coma o Duero; ás veces mesmo as dúas cousas.
A mente oriental de Makiko sorteaba en silencio as emocións conxeladas na súa psique de desterrada vulnerabilidade afectiva. De volta tralo longo paseo, observei unha contracción furtiva no seu cello e, ó chegarmos ó cerne do géyser, despediuse sen máis con frialdade abrupta. Finalmente, o paseo fixéraselle eterno e compartirmos na profundidade de Yellowstone volvéraselle demasiado incómodo.
Así é a maxia dos ríos profundos de Wyoming cando entran en contacto con géyseres inconfesables. Os ollares intensos ás veces traen á superficie as feridas adormecidas do pasado, incómodas mesmo para controladas mentes zen coma a de Makiko.