Nova sanción á mineira de Touro por seguir contaminando os ríos da zona

Augas de Galicia propón unha multa de ata 30.000 euros polas verteduras de augas residuais ao río Brandelos. O xulgado de Arzúa solicita informes en relación ás balsas e a drenaxe áceda.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/03/2019 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

A Administración incoou un expediente sancionador á empresa Explotaciones Gallegas S.L, máxima accionista de Cobre San Rafael, por verter augas residuais ao río Brandelos á altura da corta mineira de Bama.

Imaxe do río Brandelos.
Imaxe do río Brandelos.

No expediente, Augas de Galicia —organismo adscrito á Xunta de Galicia— propón unha sanción por "vertido non autorizado susceptible de alterar a calidade da auga" do río Brandelos, "a causa do rebose dunha balsa" na mina de Touro.

A data da denuncia é o 15 de decembro de 2018, pero coñécese agora a súa tramitación. A asociación Aldea Viva, que tivo acceso a ese expediente sancionador, recorda que "os feitos non son novos, xa que en setembro do ano pasado a mineira recibiu unha sanción de 20.000 euros polo desbordamento da mesma balsa".

O certo é que os informes analíticos confirman a afectación ao curso fluvial, constatando un importante aporte de metais pesados.

"A realidade é que o río Brandelos recibe constantemente as augas da balsa mineira sen que Exga, propietaria dos terreos, tome medidas ao respecto", denuncia Aldea Viva.

Pero malia as múltiples denuncias e a constatación por parte da Administración pública de que "a empresa está a cometer un neglixencia grave que se mantén no tempo", Aldea Viva ve como mínimo "curioso que Augas de Galicia califique a infracción como leve".

A asociación medioambientalista presentará alegacións e reclamará a tipificación da multa como grave, dada a "reiteración dos feitos e o desleixo amosado pola mineira ao non pór solución a un problema que coñece dende hai moitos anos".

Aldea Viva considera que esta nova sanción e un "duro golpe" ao polémico proxecto que pretende reabrir a mina de cobre de Touro, xa que "a Xunta de Galicia non debe autorizar un proxecto de megaminería a unha empresa con semellante historial de infraccións, xa que en apenas medio ano é a terceira que recibe", argúe.

Por outro lado, a Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo anunciou que o xulgado de Arzúa solicitou informes a Augas de Galicia e ao Seprona, en relación ás balsas e a drenaxe áceda de mina dos regos de Touro.

"Se ben xa se sabe que todos os regos da entorna da mina de Touro están contaminados, agora tócalle ao órgano xudicial valorar se puidese existir ou non un delito contra o medio ambiente e os recursos naturais", din desde esta asociación.

Paralelamente, a plataforma Mina Touro - O Pino NON publicaba un novo vídeo que evidencia, unha vez máis, a "escorrentía dos apilamentos de lodos da mina de Touro na corta de Bama, que vai a dar, premeditadamente, á balsa, que á súa vez verte de xeito continuo cara o Brandelos, afluente do río Ulla".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta