Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2019 | Actualizada ás 19:18
A actriz Isabel Blanco foi galardoada co XXXV Premio 'Celanova, Casa dos Poetas' polo seu "compromiso vital con Galicia a través dunha impecable traxectoria profesional" no ámbito do cinema e a televisión, non só en Galicia senón tamén no resto do país.
Así o recoñeceu o xurado do premio, presidido por José Luís Ferro Iglesias, e do que formaron parte, por presenza física ou por delegación do voto, os patróns da Fundación. Este xurado eloxiou a Isabel Blanco por contribuír coa súa "actitude positivista e afable a cultivar unha visión amable da sociedade galega, tanto aquí como alén das fronteiras culturais e emocionais".
Desde os seus inicios como presentadora na TVG a mediados da década os anos 90 e a súa participación na serie 'Mareas Vivas', Isabel Blanco representou "os principais valores da sociedade como pobo modesto e humilde pero consecuentemente preparado para andar polo mundo orgullosos".
Nada en Berna (Suíza) e filla de emigrantes, a Galicia da diáspora estivo presente de forma permanente na súa evolución profesional e no seu desenvolvemento como persoa, como reflicte a súa participación en 'Un franco, 14 pesetas' ou no proxecto televisivo 'Pasaporte galego'.
BALANCE DA FUNDACIÓN
O Padroado da Fundación reuniuse con representantes do concello de Celanova, do Consello da Cultura Galega, da Deputación provincial de Ourense e outros patróns a título individual para aprobar as contas e actividades de 2018. Destacaron as máis de 13.800 persoas que atendeu a Fundación través de actividades en distintos lugares como a Casa dos Poetas, o Mosteiro de San Rosendo ou a Torre de Vilanova dos Infantes.
Durante 2018 continuou a liña de fidelización dos centros que escollen Celanova para as súas excursións, con máis de 3.700 escolares atendidos de 89 centros. En canto á Casa dos Poetas, esta acolleu exposicións, presentacións de libros, concertos, visitas teatralizadas, conferencias e proxeccións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.