Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2019 | Actualizada ás 18:52
A escritora e comunicadora Ana Romaní ingresará na Real Academia Galega nun plenario extraordinario público o próximo 6 de abril. O acto celebrarase ás 12.00 horas no Teatro Coliseo Noela, en Noia, localidade onde naceu e onde desenvolveu o seu espertar como poeta.
A autora ocupará a vacante producida tras a morte de Xohana Torres, "un dos seus referentes literarios" e no pleno pronunciará un discurso titulado 'Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas', ao que dará resposta a académica Margarita Ledo.
Ana Romaní (Noia, 1962) representa unha destacada figura do xornalismo e a poesía actual, unindo ambas as facetas a través de iniciativas como Diario Cultural da Radio Galega, onde promoveu o 'Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico', a partir de 2006.
Como autora, os seus primeiros poemas viron a luz en revistas e no seu primeiro libro 'Palabra de Mar', en 1987. A súa carreira continuou con obras como 'Dás últimas mareas' (1994) ou 'Estremas' (2010).
GARCÍA-BODAÑO
Ademais, a RAG homenaxeará este xoves a Salvador García-Bodaño con motivo do Día da Poesía, xornada na que autores e autoras de distintas idades darán voz aos poemas do académico. Será nun recital público, a partir das 19,30 horas, e co que se pretende render tributo "a un dos grandes nomes da xeración das 'Festas Minervais'", remarca a RAG.
Entre outros, recitarán versos Dores Tembrás, Xulio López Valcárcel, Alba Cid, Baldo Ramos e membros da Academia como Luz Pozo Garza, Margarita Ledo Andión ou Xosé Luís Franco Grande. A parte musical estará a cargo de Miro Casabella.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.