Doutor Venancio Chantada: "Galicia non ten robots cirurxiáns dentro da sanidade pública mentres que en Madrid hai sete"

O doutor Venancio Chantada é presidente da Sociedade Galega de Uroloxía ademais de xefe de servizo no CHUAC da Coruña. Referente tanto nacional como internacional en cirurxía de próstata, sobre todo con robot, pregúntase por que na sanidade pública galega non hai un robot cirurxián como si acontece noutros lugares do Estado. Isto, para el, suporía un do maiores avances dentro da sanidade pública galega.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Vostede é un namorado da cirurxía de precisión con robots. Desde a súa perspectiva como xefe de servizo no CHUAC, estamos preparados para levar adiante operacións deste tipo en Galicia?
Si que o estamos. O robot máis popular, o Davinci, é o mellor e vai xa pola cuarta xeración. En EE UU o ano pasado había catro mil robots. No hospital Memorial de Nova York, MKSCC, hai sete robots e cinco só para uroloxía. Esta teconoloxía está aceptada mundial.

Doutor Venancio Chantada
Doutor Venancio Chantada | Fonte: mastercancerprostata.com

-E fóra dos EE UU, concretamente en Galicia?
En Europa temos catrocentos robots, case douscentos están en Alemania. España vai moi lenta e Galicia moito máis. En España hai corenta robots, deles sete están en Madrid, outros sete no País Vasco e catro en Andalucía, por exemplo, mentres que Galicia non ten ningún robot cirurxián dentro da sanidade pública. Se en Galicia estamos preparados, claro que si, temos cirurxiáns para facelo. Esta cirurxía mellora a capacidade da cirurxía minimamente invasiva. A precisión aumenta grazas á 3D, tamén cambian hábitos na operación, en vez de abrir e introducirmos as mans, facémolo desde consolas con pantallas con máis profundidade de campo. Ademais, o robot democratiza a cirurxía aumentado e mellorando o número de urólogos e as súas cualidades para operar.

-O robot tamén serve para trasplantes?
Si, para trasplantes de ril por exemplo. Porque reduce riscos, simplifica as operacións e fai máis sinxelo todo o proceso. No CHUAC facémolo coa técnica de laparoscopia. Mais se tivesemos o robot cirúrxico, aquí estariamos traballando con menor dor para o paciente e mellora na operación.

-Vostede desde a súa posición como especialista en uroloxía, sente que aínda hoxe todo o relacionado con esta área é visto como un tema tabú?
Eu creo que non, aínda que houbo momentos onde era algo tabú. Mais xa hoxe en día o home vai á consulta con normalidade e non sente que teña unha enfermidade con certas características. Cando nós comezamos fun o primeiro urólogo que empregou Viagra. Iso foi un revulsivo porque por fín se resolvía unha cuestión pola que os homes deixaban para o final aquilo relacionado coa sexualidade, ben porque non se lle preguntaba ou porque ao final da consulta xa tiña algo máis de confianza para falar co urólogo. Aínda así, segue habendo reparos para falar por exemplo de problemas de erección, por exemplo. No resto de doenzas sobre uroloxía a xente xa as comenta con normalidade. Esta área está moi normalizada grazas aos cambios sociais e os avances médicos. 

-Cal é o alcance que ten a uroloxía máis alá do que moitos e moitas poidamos ter?
Esta especialidade é moi ampla, creo que máis que a mesma medicina. Primeiro por ter unha parte cirúrxica e logo outra parte médica moi importante. Non nos limitamos só a operar temos un coñecemento moi amplo das doenzas e do seu tratamento. Hai moitas doenzas dentro da uroloxía que non se operan senón que seguen un tratamento. As enfermidades como infeccións de ouriña, cálculos renais e problemas de erección. Despois, os urólogos temos unha vantaxe sobre outras especialidades, facemos o diagnóstico, facemos o trtamento e seguemento de moitas patoloxías. 

-Déanos un exemplo.
Un exemplo é que os urólogos non temos endoescopista, como si teñen outros cirurxiáns, e que sería quen fai a exploración de colon para que logo se poda operar. Nós facemos todo o proceso mediante a Consulta de Alta Resolución, CAR. Nunha soa consulta facemos todo o proceso e o paciente sae diagnosticado.  

-O mesmo co cancro de próstata?
O diagnóstico dun cancro de próstata non se pode facer nunha primeira consulta. Podemos ter indicios segundo os síntomas, os índices elevados de determinado compoñente do sangue ou na exploración física podemos observar unha próstata endurada. Iso levaríanos a proceder a unha biopsia que tamén a facemos nós. Coa biopsia sabemos se é candidato ou non para operar ou para seguir un tratamento con hormonas. 

-Cal é a incidencia deste cancro?
Para empezar, é o tumor sólido máis frecuente dentro do varón, antes pensábase que era o de pulmón. Se se fai unha análise dos dez tumores máis frencuentes no varón, entre os cinco primeiros son urolóxicos, case a metade dos tumores que pode haber nun hospital. Por outra parte, o cancro de próstata está moi relacionado coa idade, co paso das décadas aumenta a posibilidade de telo. A maior incidencia vén a partir dos sesenta anos. Mais por estudos de autopsia, se vivísemos máis de cen anos todos os homes teriamos cancro de próstata, a maioría estarían en fase inicial. Hai varios factores ademais da idade, cuestións étnicas, en persoas de orixe subsahariano teñen máis tendencia e tamén hai factores hereditarios. O mesmo sucede coas doenzas como o cancro de ovario por exemplo, hai factores hereditarios.

-Os hábitos de vida actuais inflúen na aparición deste cancro?
Non, o certo é que non. Así como o tabaco que se almacena na ouriña pode causar cancro de vexiga. Na próstata non hai relación directa coa alimentación. Non hai unha clara relación entre alimentación e hábitos irregulares. Posiblemente teña episodios de prostatite, pero non de cancro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta