Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2019 | Actualizada ás 20:48
As pesqueiras de xarda nas provincias da Coruña e Pontevedra abriranse o próximo 1 de abril, segundo establecen senllas resolucións adoptadas este xoves pola Secretaría Xeral de Pesca. Con elas dáse por finalizado o proceso de ordenación e xestión da campaña 2019 deste stock pesqueiro. Cada ano, a Secretaría Xeral de Pesca establece a data de apertura da costeira da xarda, tras un proceso de consultas co sector pesqueiro de baixura, integrado nas modalidades de artes menores, volante, rasco e palangre.
A citada costeira asoma polas costas do País Vasco, a primeiros do mes de marzo, e avanza ata alcanzar as costas de Galicia un mes máis tarde. Co obxecto de finalizar este proceso coa Coruña, a Secretaría Xeral mantivo este mércores unha reunión con representantes da frota de artes menores desta provincia, coa presenza do presidente da Federación Nacional de Confrarías e representantes das asociacións maioritarias da arte do volante, para perfilar as condicións de xestión desta pesqueira nesta zona.
"Nesta reunión acordouse un sistema que permite manter a esencia do acordo maioritario das confrarías da provincia, para destinar a metade da cota para a campaña dirixida con anzois e un 50% para captura de forma fortuíta das outras artes", explica o ministerio.
Ao mesmo tempo, asegura que "se garanten uns límites máximos de captura anual por buque para as artes de volante dado a súa especial condición, xa que as cantidades de xarda que pode capturar esta arte no desenvolvemento das súas pesqueiras principais son moito máis importantes que as do resto de artes e non poden desenvolver outras pesqueiras alternativas mentres a xarda está presente nas nosas augas".
En Cantabria, Asturias e Lugo optaron por un sistema de topes individuais de captura anual por buque, para que cada barco se responsabilice de non pescar máis cantidade que a que teña asignada como límite máximo. No País Vasco, polo tipo de pesqueiras que teñen, e en Pontevedra pola menor presenza da especie, púidose manter un sistema similar ao doutros anos.
Para a provincia da Coruña, a Secretaría Xeral destaca que "se apartou o mínimo posible" do acordo da Federación Provincial de Confrarías, optando por un sistema mixto, que permite evitar que se sobrepesque toda a cota que lle corresponde á provincia durante a pesca dirixida con anzois e que quede cota suficiente para as posibles capturas accesorias nas pesqueiras dirixidas a outras especies. Este enfoque foi compartido pola Federación Nacional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.