Por X.M. Fernández | Allariz | 11/04/2019 | Actualizada ás 11:00
Os organizadores da Festa do Boi teñen claro que a convivencia cordial e pacífica teñen que ser as ferramentas básicas para o entendemento e a comunicación entre persoas diversas.
Segundo explican dende a asociación “esta boa convivencia, característica principal en todas as edicións da Festa, fai posible que despois de décadas, se manteña máis viva ca nunca”.
A Área de Igualdade, como parte dos seus principios, exclúe as violencias dos seus eventos e rexeita firmemente os comportamentos machistas e os que traen consigo algún tipo de violencia.
A convivencia sen violencia ten que ser a base de toda relación en sociedade e tamén unha das principais características da Festa do Boi, onde o ben común prevalece por enriba de todo co fin último de conseguir que a festa sexa festa. Segundo manifestan os organizadores, "aínda que xa deberiamos ter esa conciencia de divertimento sen violencia cómpre lembralo e repetilo as veces que faga falta".
A poboación de Allariz participa sempre activamente de forma desinteresada na organización desta festa, máis de cen persoas colaboran nos traballos previos ao evento, máis de seiscentos veciños e veciñas conviven na procesión medieval e máis de dous mil comparten espazo na cea popular.
A traxectoria da Festa do Boi demostra a boa convivencia, sendo a tónica habitual que non haxa incidencias durante os nove días que dura a celebración.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.