Por Galicia Confidencial | Ordes | 10/04/2019 | Actualizada ás 20:25
Os servicios técnicos urbanísticos do Concello de Ordes emitiron o pasado 1 de abrirl un informe de compatibilidade urbanística con sentido desfavorable á construción do vertedoiro de Lesta tendo en conta o carácter complementario e subsidiario do plan básico autonómico.
Os argumentos esgrimidos no informe son que a parcela foi obxecto de concentración parcelaria polo que lle corresponderá o disposto na lei para o solo rústico de protección agropecuaria (en particular contar con informe favorable de Medio Rural). Ademais, destaca que na parcela teñen o seu nacemento varias correntes de auga superficiais, polo que en parte lle corresponderá o disposto na lei para o solo rústico de protección de aguas. Por outra banda, a parcela atópase dentro de servidume aeroportuaria definida polo aeroporto de Santiago de Compostela.
Segundo informa a plataforma Casalonga Limpa nun comunicado, a Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira da Costa, na reunión mantida en setembro do ano pasado con representantes da Asociación de Afectados polo vertedoiro de Lesta e do Concello de Ordes, manifestou que unha das cuestións que impediría a autorización ambiental para o vertedoiro sería a incompatibilidade urbanística da implantación que se pretende coa normativa urbanística en vigor.
Tamén indicou que a resolución desfavorable do seu departamento sería inmediata no caso de que se emitise o informe de incompatibilidade urbanística en sentido desfavorable, o que dende esta asociación esperamos que se produza a maior brevidade posible.
“Queremos crer que despois de mais tres anos de loita contra este despropósito, o denominado vertedoiro de residuos non perigosos de Lesta pasará a ser un pesadelo pasado para os veciños e veciñas de Lesta e para as xentes que sufrirían os seus efectos augas abaixo no Lengüelle e no Tambre”, conclúe a plataforma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.